O VINDEIRO SÁBADO, 26 DE AGOSTO, TERÁ LUGAR O II GUATEQUE, QUE ORGANIZA A COMISIÓN DO ENTROIDO COA COLABORACIÓN DE ACISA E DO CONCELLO DE RIBADEO.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos colabora coa comisión do Entroido na organización do II Guateque que se celebrará o vindeiro sábado, 26 de agosto, a partir das 20:00 horas no parque de San Francisco.

O presidente de Acisa e tamén responsable da comisión do Entroido, David Martínez, explica que “dado que a primeira edición desta festa foi un éxito e debido a que a xente o pedía pola rúa, foi por iso que decidimos organizar esta segundo edición do Guateque, na que haberá comida e bebida”. Martínez anima “á xente a caracterizarse dos anos 60 e 70 e a achegarse ao parque de San Francisco, onde poderemos gozar de boa música lembrando grandes éxitos daquelas épocas e aproveitaremos para mover o esqueleto con eses ritmos. É unha festa moi familiar e onde o ambiente é estupendo. Pensamos que é a antesala do final do verán en Ribadeo, unha cita antes das festas patronais, que ninguén debería perderse”.

Desde Acisa sinalan que “estamos a colaborar xunto ao Concello coa comisión do Entroido para que este II Guateque sexa unha realidade. O obxectivo é recadar fondos para a celebración do Entroido de 2018 e atraer aos veciños de Ribadeo, pero sobre todo aos doutras zonas da Mariña de Lugo e do Occidente asturiano, e aos turistas que hai estes días pola zona para que veñan a Ribadeo a gozar deste guateque e de paso que aproveiten para mercar no noso comercio e para tomar os viños, as copas ou cear nos nosos establecementos hostaleiros”.

David Martínez subliña “todo o traballo e o esforzo que a comisión do Entroido realiza durante moitos meses para que os carnavais de Ribadeo sigan a ser unha referencia en toda esta zona. En Acisa estamos contentos de poder colaborar con eles para que as nosas tradicións non se perdan”.

Cartel - II Guateque anos 60 e 70