A hostalería local contará con 10.000 vasos de plástico irrompibles para o IX Ribadeo Indiano.

35

A hostalería local contará con vasos de plástico ríxido
reutilizable para o IX Ribadeo Indiano, que foron presentados hoxe pola organización do
evento. Trátase de 10.000 recipientes serigrafiados.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa coorganiza xunto ao
Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se
trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería
ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable. Todos os negocios están
agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible
aos milleiros de persoas que do 12 ao 14 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada
ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha
iniciativas como a que hoxe damos a coñecer”.

O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez explicou, que “por iso un ano mais imos
repartir de xeito gratuíto 10.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables,
lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos
nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan
repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes
ademais de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de
vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de
traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes
innecesarios. Tamén queremos amosar o noso compromiso co coidado do medio
ambiente”.

Cruzado Iglesias dixo que “estes vasos, que poñemos a disposición da hostalaría local,
están pensados para quedar de recordo nas nosas casas, cun deseño precioso, que
recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Os vasos deberanse recoller nas oficinas de Acisa
este venres, 5 de xullo, en horario de 9:30 a 14:30 horas”.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, aludiu ao traballo conxunto entre Acisa e o
Concello: “levamos meses de intenso traballo no Ribadeo Indiano, tanto na ampla
programación da que van gozar ribadenses e visitantes, como coas presentacións que
fixemos fora de aquí en Oviedo ou en Santiago de Compostela Todo co obxectivo
conxunto, por parte do Concello e de Acisa, de que este evento histórico cultural sexa o
máis coñecido posible tanto aquí como nas Américas. A conta atrás para o Ribadeo
Indiano 2024 A alma de dous mundos comezou. Hoxe presentamos este bonito recordo
na rúa indiana por excelencia, en San Roque, para que aquelas persoas que consuman
na hostalería local poidan levar de agasallo un vaso para as súas casas”.

Na presentación dos vasos do Ribadeo Indiano participaron a concelleira de Comercio,
Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo
empresarial, Jesús Pérez.

Decoración
O xerente de Acisa fai un chamamento especial aos comerciantes e hostaleiros de
Ribadeo para que decoren os seus negocios, fachadas, terrazas, barras ou escaparates:
“para iso lles facilitamos de forma gratuíta a cada socio e socia, bandeiras e flocos, mais
de 7.000 metros destes materiais e 700 faroliños, que xunto coa decoración das rúas fan
mais de 20.000 metros e 1.000 faroliños. Sen dúbida poñemos todo da nosa parte para
engalanar os negocios e as rúas da vila. Queremos tamén animar a que os locais
decoren cun ambiente floral as súas fachadas e terrazas”.

Cruzado Iglesias subliñou: “queremos que os negocios locais luzan bonitos e elegantes
ao igual que as rúas e prazas da nosa vila. E tamén animamos unha vez máis á veciñanza
a engalanar os seus portais, os seus balcóns, as súas terrazas… co fin de trasladarnos e
mergullarnos na cultura indiana. Hortensias, camelias ou palmeiras chegadas de
ultramar encherán de lembranzas o Ribadeo Indiano 2024”.