A hostalería local contará con 10.000 vasos de plástico irrompibles para o VIII Ribadeo Indiano.

115

A hostalería local contará con vasos de plástico ríxido
reutilizable para o VIII Ribadeo Indiano, que se celebra do 7 ao 9 de xullo. Trátase de
10.000 recipientes serigrafiados.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa coorganiza xunto ao
Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se
trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería
ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable. Todos os negocios están
agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible
aos milleiros de persoas que do 7 ao 9 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada
ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha
iniciativas como a que hoxe damos a coñecer”.

O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez explicou, que “a novidade este ano é o
reparto de 10.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de
materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios
e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre
os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que esta
fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que
poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de
manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos
amosar o noso compromiso co coidado do medio ambiente”.

Cruzado Iglesias dixo que “se trata de vasos que están pensados para quedar de recordo
nas nosas casas, cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano.
Queremos ademais subliñar que estes vasos están a disposición de toda a hostalaría
local. Unha parte importante foron repartidos ao longo destes días. Pero aqueles
negocios que precisen máis ou que aínda non conten con eles poden dirixirse a Acisa
para que llelos facilite”.

O alcalde, Daniel Vega, tivo palabras de agradecemento para Acisa: “quérolle agradecer
a Acisa todo o traballo que fixo durante estes días, estes meses, colaborando con nós,
co Concello, para que o Ribadeo Indiano fora posible. Polo tanto, o noso agradecemento
e tamén destacar que está colaborando con moitas iniciativas e quero subliñar unha
delas que é entregando 10.000 vasos á hostalería para celebrar o Ribadeo Indiano entre
todos. Así pois, o traballo conxunto, o traballo nunha mesma liña é o que da froitos e
estase observando e sacándolle réditos para todo o noso Ribadeo”.

No acto de presentación dos vasos participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras de
Turismo e Seguridade, Marta Saiz e Montse Seijo, xunto á presidenta e o xerente de
Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

Decoración

Dende Acisa Ribadeo fan un chamamento especial aos comerciantes e hostaleiros de
Ribadeo para que decoren os seus negocios, fachadas, terrazas, barras ou escaparates:
“para iso lles facilitamos de forma gratuíta a cada socio e socia, bandeiras, flocos e
faroliños, mais de 7.000 metros destes materiais e 700 faroliños, que xunto coa
decoración das rúas fan mais de 15.000 metros e 1.000 faroliños. Sen dubida poñemos
todo da nosa parte para engalanar os negocios e as rúas da vila. Queremos tamén
animar a que os negocios decoren cun ambiente floral as súas fachadas e terrazas, para
que consiga trasladarnos a Cuba, a onde unha parella viaxará o vindeiro mes de
setembro da man do Ribadeo Indiano”, comentou Carmen Cruzado.

Ampliacións horarias

O xerente de Acisa explicou que “tamén queremos anunciar que os establecementos de
hostalaría asociados a Acisa Ribadeo, contarán con dúas horas mais sobre a licenza
habitual de peche nas madrugadas do 7 o 8 e do 8 ao 9 de xullo con motivo da
celebración do Ribadeo indiano. Ademais no mes de xullo, tamén poderán gozar desta
ampliación horaria nas madrugadas do 15 ao 16 e do 16 ao 17 así como do 24 ao 25
polas festas do Carme e do Dia de Galicia. Algo que sen dúbida creemos favorecerá ao
sector asociado para poder exprimir ao máximo estes días de gran actividade
económica”.