A nova directiva de Acisa Ribadeo foi proclamada e tomou posesión na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada na tarde de onte no Teatro. 

133

A nova directiva de Acisa Ribadeo foi proclamada e tomou posesión na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada na tarde de onte no Teatro. 

Os seus integrantes son: Carmen Cruzado Iglesias, propietaria de Faro Norte Comunicación, como presidenta; Virginia Ezeiza Baltar, propietaria do Gastrobar Mareta, como vicepresidenta; Manuela Torviso Pérez, propietaria de Lencería Torviso, como tesoureira; Felipe Fernández Barcia, propietario do restaurante A Horta de San Roque, como secretario; José Ramón Leal Segura, propietario da galería Terra Branca, como vocal; e Álvaro Suarez Cernuda, propietario de Coco y Jatay, como vocal.

 

Na quenda de intervencións o presidente saínte, Francisco Iriarte, tivo palabras de agradecemento para as directivas das que formou parte e para as administracións: “grazas ás compañeiras e compañeiros que me acompañaron nas miñas diferentes etapas á fronte de Acisa Ribadeo. Grazas tamén ás administracións polo seu apoio, que foi e é fundamental para que unha asociación poida organizar actividades. Intentamos facelo o mellor posible ao longo destes anos. Os últimos foron moi difíciles, pero estivemos aí prestando un servizo importante aos nosos asociados”. 

E engadiu: “man tendida á nova directiva para axudar en todo o que sexa posible. E quero desexarlles a todos moi sorte”. Francisco Iriarte tamén agradeceu e recoñeceu o traballo realizado polo xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Jesús Pérez. 

A nova presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, dixo que “afrontamos esta andaina con ganas e con ilusión. Tentaremos facelo o mellor posible. Quero dar as grazas ás compañeiras e compañeiros que decidiron subirse a este barco para facer todos xuntos esta travesía. Grazas tamén á directiva saínte polo traballo realizado nuns tempos que foron moi complicados cunha pandemia que nos cambiou a vida a todos e que llo puxo moi difícil ao comercio, á hostalería e aos servizos”. 

Cruzado subliñou que “os obxectivos da nova directiva pasan por incrementar o número de asociadas e asociados e a organización de actividades que contribúan a dinamizar a hostalería e o comercio de Ribadeo para que sigan a ser o referente que son. Agardamos estar á altura das circunstancias”. 

A nova directiva de Acisa manterá a súa primeira xuntanza de traballo a vindeira semana.