A nova ordenaza reguladora de terrazas en Ribadeo satisfai a ACISA porque recolle parte das súas demandas e consolida os logros adquiridos nestes anos de pandemia.

84

ACISA Ribadeo está satisfeita coa nova ordenanza de terrazas, na que parte das reclamacións do colectivo empresarial víronse contempladas e os logros adquiridos nestes meses de pandemia consolidáronse na regulación definitiva.

O presidente da asociación empresarial ribadense, Francisco Miguel Iriarte, indica: “estamos satisfeitos e contentos coa nova ordenanza que regulará as terrazas de xeito definitivo nos próximos anos. Trátase dun marco normativo que entendemos que fomenta a actividade da hostalaría, respectando o descanso veciñal e o tránsito de persoas pola rúa, encontrando un bo equilibrio entre estes importantes aspectos. Estamos ante unha normativa ampla, que contempla os diferentes escenarios das nosas rúas, con horarios acordes á actividade da hostalaría, que garante a seguridade das mesmas e que mellora as condicións da anterior regulación, así coma establece un período de adaptación tanto para os requisitos técnicos coma para os pagos”.

O xerente e portavoz de ACISA Ribadeo, Jesús Pérez explica que “a normativa non deixa de ser a mesma que había previa á pandemia, pero con determinados cambios que consideramos moi beneficiosos. Esta nova lexislación consolida os logros que dende ACISA Ribadeo demandamos durante a pandemia como foi a utilización de aparcadoiros públicos para situar terrazas onde nas beirarrúas non se podían poñer terrazas ou a ampliación do tamaño das mesmas. Cabe destacar de xeito positivo a ordenanza fiscal, na que se establece un prezo máis baixo para aqueles que queiran ter a terraza todo o ano instalada, algo que debido a pandemia xa é algo que veu para quedarse, así como que no ano 2022 o prezo reducirase un 50 por cento respecto do que se pagará con normalidade a partir do 2023”.

Jesús Pérez engade que “ademais establécese un período de moratoria ata o 2023 para adaptar as terrazas a nova normativa, ampliando o prazo que xa se establecía na anterior regulación, sendo os mesmos criterios aos que hai que adaptarse. Importante tamén nos parecen os horarios, que, dentro dunha marxe razoable e equilibrada entre o traballo dos hostaleiros e o descanso dos veciños, establece a apertura das terrazas ás 08:00 horas e o peche nos meses de maio a setembro de domingo a xoves será ás 1:30 horas, e os venres, sábados e vésperas de festivo segundo a licenza de cada establecemento. Durante o resto do ano o peche será ás 23:30 horas e ás 2:30 respectivamente, e permítese a posibilidade de solicitar ampliacións horarias en días especiais”.

Francisco Iriarte remata: “estamos de acordo tamén con que se busque unificar a estética das terrazas,  algo que xa está practicamente feito e que sen dubida é necesario para que Ribadeo dea unha boa imaxe turística; e tamén nos parece moi interesante o que se establece sobre o estudo para a instalación de terrazas, que se fará de xeito particular a cada caso, garantindo que se busquen as máximas posibilidades para que todo aquel negocio que o solicite poida ter algunha terraza.”