A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e
Autónomos de Ribadeo arrinca o curso cunha nova campaña comercial para incentivar
as vendas no comercio local durante a volta ao cole, que se desenvolverá do 30 de agosto
ao 15 de setembro. Acisa sorteará unha xoia exclusiva de Galería Terra Branca, un
reloxo valorado en mais de 300 euros, cortesía de Joyería Azabache e 100 euros en vales
de compra.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “iniciamos un novo curso e con el
chega a campaña da volta ao cole. Con ela, dende Acisa Ribadeo pretendemos incentivar
a que as compras de cara o vindeiro curso académico se fagan no comercio local. Esta é
unha época de grandes vendas: libros, material escolar, uniformes, calzado, roupa de
outono-inverno…. toca retomar a vida normal e para elo temos que prepararnos cos
mellores produtos. E a mellor forma de facelo é confiando nas nosas tendas, onde
podemos atopar todo o que precisamos para volver ao cole, cun trato personalizado e
as maiores garantías”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, indicou que “a campaña desenvolverase entre o
30 de agosto e o 15 de setembro. Aquelas persoas que fagan as súas compras nos
comercios asociados a Acisa recibirán papeletas para participar no sorteo de tres
premios que poñemos en xogo: un colgante exclusivo de prata de lei con madreperla,
xentileza de Galería Terra Branca; un reloxo Time Force modelo Status Chrono, valorado
en mais de 300 euros, cortesía de Joyeria Azabache e 100 euros en vales de compra”.
E engadiu: “poñemos en circulación 8.000 as rifas nesta campaña da volta o cole de
Acisa Ribadeo. O sorteo non presencial terá lugar o 16 de setembro a porta pechada nas
nosas oficinas mediante un programa de xeración de números aleatorios, e
posteriormente daranse a coñecer os gañadores nas redes sociais e nos medios de
comunicación. As bases do sorteo poden consultarse na web e nas redes de Acisa”.
Cruzado Iglesias indicou que “esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia, no
marco das axudas aos CCA, e queremos agradecer de xeito especial que o director xeral
de Comercio, Gabriel Alén, participara na súa presentación. E moitas grazas, sobre todo,
á colaboración de Galería Terra Branca e de Joyeria Azabache, negocios asociados a
Acisa Ribadeo, que doan os premios que poñemos en xogo”.
Presidenta e xerente de Acisa animan “a mercar no comercio local, ese que temos a
carón das nosas casas, no que traballan as persoas que coñecemos e onde recibiremos
consellos e atención personalizada para elixir o que máis nos interesa para comezar un
novo curso escolar con todos os produtos que necesitamos para afrontar tamén a
chegada da nova estación, a chegada do outono”.
Na presentación da campaña participaron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o
alcalde ribadense, Dani Vega, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen
Cruzado e Jesús Pérez.