ABANCA e os empresarios de Ribadeo buscan novas fórmulas para impulsar os proxectos comerciais

22

O banco e a asociación de empresarios rubrican un convenio de colaboración para reactivar a actividade comercial na localidade lucense.

Os asociados gozarán de mellores condicións na contratación de produtos da entidade financeira galega.

ABANCA e a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (ACISA)reforzaron a súa colaboración a través dun novo convenio que permite facilitar o crédito a autónomos e pemes co obxectivo de impulsar a reactivación económica e comercial desta localidade lucense.

O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, e o director da oficina de ABANCA en Ribadeo, Ángel Macía, rubricaron hoxe na localidade un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial local.

O convenio facilita que os asociados accedan a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais, anticipos (sen xuros ou comisións) ou liñas de desconto comercial. O documento tamén pon a disposición dos asociados liñas de financiamento especial grazas ao Plan Activamos. Así, as empresas adheridas poderán dirixirse ás oficinas de ABANCA para solicitar información e financiamento, a través desta liña aberta polo banco e a Deputación de Lugo.

Do mesmo xeito, os asociados poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e IGAPE, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Afigal.

O acordo tamén pon a disposición deste colectivo de empresarios e autónomos a comercialización de produtos específicos da entidade, entre os que destaca o servizo APLAZOS nas súas dúas modalidades: con Terminal Punto de Venda (TPV) ou sen TPV (banca electrónica).Os profesionais pertencentes a esta asociación tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento dos dispositivos TPV.

Así mesmo, os asociados poderán desfrutar das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, poñerá a disposición destes profesionais o seu servizo de banca electrónica.

O novo documento incluso permite que aqueles empresarios que estean a pensar ampliar o seu negocio á venda por Internet poidan gozar dun desconto do 20% na creación dunha tenda online, grazas a un acordo de ABANCA coa empresa Palbin.

Doutra banda, co ánimo de optimizar a calidade do servizo que se presta aos asociados e dar unha atención máis personalizada a este colectivo, o banco conta con un grupo de profesionais especializado en xestión de seguros, quen informará das pólizas que mellor se adapte ás necesidades de cada asociado.

ACISA Ribadeo agrupa os intereses de comerciantes, profesionais e empresarios desta localidade da Mariña, que exercen a súa actividade nunha ampla representación de sectores estratéxicos. Pola súa parte, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.