A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos agradece a visita e a xuntanza de traballo mantida en Ribadeo co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “desde Acisa Ribadeo agradecemos a visita e a xuntanza mantida na nosa asociación co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, ao que lle expuxemos as necesidades do noso colectivo así como algúns dos proxectos nos que estamos a traballar”.
O xerente, Jesús Pérez, lembrou que “Acisa recibe anualmente unha importante subvención da Dirección Xeral de Comercio, así como outras axudas para a compra de material destinado aos nosos comercios, como bolsas, por poñer algún que outro exemplo; ou para a campaña de Nadal, como aconteceu o ano pasado. Esperamos neste 2024 ter boas noticias para seguir dotando de algo tan demandado para o comercio ribadense como é o material”.
Cruzado Iglesias engadiu: “agardamos seguir traballando e contando coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio así como do Concello de Ribadeo e da Deputación de Lugo, sen esquecernos das empresas privadas e das entidades que están a apoiar a Acisa en citas tan importantes como a Festa do Comercio, a Gala, o Ribadeo Indiano ou as xornadas gastronómicas que organizamos en diferentes épocas do ano. Queremos seguir contando con todas elas e sumar máis, si é posible”.
En nome de Acisa Carmen Cruzado fíxolle entrega dun obsequio ao director xeral de Comercio, Gabriel Alén, como mostra de agradecemento.
No encontro celebrado en Acisa co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a presidenta e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como as concelleiras Montse Seijo e Begoña Sanjurjo.