Acisa colabora co Concello de Ribadeo na cuarta edición da campaña das Panchas. Faino prestando asesoramento a empresas e clientes dos negocios locais participantes.

63

Acisa colabora co Concello de Ribadeo na cuarta edición da campaña das Panchas, a moeda local ribadense, que arrincará o vindeiro 1 de outubro e se prolongará ata o 31 de decembro. Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos prestarase asesoramento ás empresas, sexan asociadas ou non, e tamén aos clientes dos negocios de Ribadeo.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “o que faremos no noso horario de oficina será resolver esas dúbidas que tanto os negocios coma os seus clientes poden ter á hora de operar coas panchas, de baixar a aplicación correspondente… de luns a venres de 9:30 a 14:30 horas e luns e xoves de 15:30 a 18:30 horas estaremos a disposición dos establecementos participantes e da veciñanza”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “o que todos queremos é que a campaña das Panchas funcione moi ben e que sexa un revulsivo para a economía local ao longo dos vindeiros meses. Vimos dun verán que foi moi bo en liñas xerais e con esta iniciativa do Concello de Ribadeo e con outras actividades nas que estamos traballando desde Acisa agardamos que veña xente á nosa vila facer as súas compras, tomar os viños, cear, pasear, divertirse”. 

E engadiu: “o mellor plan para vir a Ribadeo nas vindeiras semanas xa o temos enriba da mesa: as Panchas arrincan en breve e estamos convencidos de que serán moitas as persoas que aproveitarán esta oportunidade para facer as súas compras de outono e tamén estarán xa pensando nos agasallos de Nadal”. 

Pérez Prada dixo que “desde Acisa e desde o Concello traballamos polos negocios locais e o que agardamos é que a veciñanza os siga apoiando facendo as súas compras nos comercios que temos a carón da súa casa nos que atoparemos un trato personalizado e próximo.  Sen negocios locais as vilas, os pobos, as cidades esmorecen”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, indicou que “aínda quedan uns días para que os negocios de Ribadeo se poidan adherir á campaña das Panchas. Teñen ata o día 27 para facelo. A inscrición marcha a bo ritmo. Desde a Área de Desenvolvemento Local tamén ofreceremos asesoramento a quen o precise. O obxectivo é facilitar todo o posible a participación nesta cuarta campaña da nosa moeda local, a Pancha, que tan bos resultados deu nas edicións pasadas”. 

Acisa e Concello mantiveron esta mañá un encontro no Pazo de Ibáñez.