ACISA convoca o XI Concurso Fotográfico Día do Pai.

34

Acisa Ribadeo convoca a XI edición do Concurso Fotográfico Día do Pai. A presentación de traballos poderá facerse desde este sábado, 6 de marzo, ata o 19 deste mes. As imaxes deberán tomarse en negocios asociados e se subirán á páxina de facebook da asociación.

As bases do concurso recollen que as fotos presentadas non puideron ser publicadas previamente en revistas, xornais, libros impresos ou sistemas online. Tampouco puideron ser obxecto de ningún outro premio fotográfico. As imaxes elixidas deben ter unha resolución 2MPX (1920X1080) para a súa posterior impresión e exposición. As instantáneas deberán ser tomadas nun establecemento asociado a Acisa Ribadeo, buscando unha simbiose entre a relación pai e fillo e o feito de mercar no comercio local. E sempre que sexa posible deberá indicarse o nome do establecemento onde se fai a fotografía.

Os traballos deberanse subir á páxina de facebook de Acisa, mediante a app que se instalará para tal efecto e que comezará a funcionar ás 00:00 horas do día 6 de marzo. O prazo de presentación de fotografías rematará ás 23:59 horas do día 19 de marzo e ata esa data terá lugar a votación popular. A publicación oficial do fallo realizarase o 22 de marzo.

O primeiro premio será unha cámara fotográfica FHD HDR-AS50B Black Sony valorada en 250 euros. Os segundo e terceiro premios serán 60 e 40 euros, respectivamente, en vales de compra de Acisa. As fotografías premiadas e presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión da asociación, co único obxectivo de promocionar a fase participativa do concurso.

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, salientou que “o máis importante desta edición son os cambios dos premios e que as fotografías teñen que facerse nos negocios asociados, xa que a idea é darlles visibilidade e animar á xente a participar”.

O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, engadiu que “todas as persoas interesadas en participar poden consultar as bases do concurso na web da asociación”. E engadiu que “este concurso sempre funciona moi ben. Xa estamos desexando que dea comezo para ver a creatividade dos clientes do comercio da nosa vila. Xa vai tocando que Ribadeo recobre a súa vida comercial e hostaleira. No caso deste concurso pensamos que é positivo, aínda que sexa unha pequena iniciativa que nos da un plan alternativo e seguro para gozar desta cita con seguridade e cumprindo con todas as medidas sanitarias en vigor”.

A campaña foi presentada por María Antonia López, secretaria de Acisa, e por Jesús Pérez, o xerente da asociación ribadense.