A.C.I.S.A. distribúe entre os seus asociados e asociadas 15.000 bolsas gratuitas para este Nadal

66

ACISA RIBADEO DISTRIBÚE ENTRE OS SEUS ASOCIADOS E ASOCIADAS 15.000 BOLSAS GRATUITAS PARA ESTE NADAL

EN TOTAL ESTE ANO XA FORON REPARTIDAS MÁIS DE CINCOENTA MIL

Acisa Ribadeo pon a disposición dos seus asociados e asociadas 15.000 bolsas gratuitas para este Nadal. Por segunda vez este ano, a asociación de comerciantes presenta un novo modelo de bolsas.

Segundo explica o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “trátase de bolsas de cor verde, que foi a cor escollida nesta ocasión, cun deseño sinxelo e elegante. Na parte central sitúase unicamente o logotipo de Acisa, xunto ao da Xunta de Galicia, institución á que agradecemos a súa colaboración para contar con esta nova edición de bolsas. Na parte lateral figura tamén a marca Galicia, considerando que Ribadeo é porta de entrada á nosa comunidade”.

Pérez agarda que “moitas destas bolsas rematen en diferentes lugares do país grazas ao turismo. Son 15.000 unidades repartidas en tres tamaños: grandes, medianas e pequenas, que se puxeron a disposición dos socios de forma gratuíta desde o pasado mércores”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos contou que “nesta ocasión, por motivos loxísticos, se solicita aos socios que pasen a recoller as bolsas pola oficinas de Acisa, na rúa El Viejo Pancho, 13-baixo, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas”.

Jesús Pérez considera que “esta iniciativa é un aliciente máis para que as empresas que aínda non son socias pensen en darse de alta. En total ao longo do ano temos repartido case 50.000 bolsas de forma gratuíta entre os comerciantes asociados. Isto supón un aforro importante nos custes dos socios e socias que puideron contar con bolsas de papel para adaptarse á nova normativa reguladora das bolsas de plástico”.

E engadiu que “desde a asociación seguimos na liña de facilitar aos socios material gratuíto que lles sexa de utilidade, como neste caso as bolsas nunha época de compras como o Nadal. Esperamos ver unha marea de bolsas verdes polas rúas de Ribadeo e nas casas. Tanto as administracións como a asociación estamos facendo enormes esforzos para dar máis e mellores servizos aos nosos asociados e para poder seguir medrando como colectivo. Non nos cansaremos de repetir que cantos máis sexamos máis actividades poderemos organizar e máis forza poderemos facer para conseguir cousas beneficiosas para o comercio, para a hostalería, para os servizos e para Ribadeo”.

Pérez subliña que “nos dous primeiros días foron máis de 60 comercios os que xa se interesaron polas bolsas. Desde Acisa agradecemos a implicación de deputado autonómico Daniel Vega as xestións realizadas trasladándolle á Xunta as necesidades e problemáticas que afronta o noso colectivo”.

Esta nova partida de bolsas foi presentada esta tarde polo deputado autonómico Daniel Vega, polo xerente de Acisa, Jesús Pérez, e por Ramón Loredo, membro da directiva da Asociación de Comerciantes.

A.C.I.S.A. distribúe entre os seus asociados e asociadas 15.000 bolsas gratuitas para este Nadal