ACISA e a EOI de Ribadeo organizan cursos de inglés para formar ao personal do comercio e da hostalaría.

117

Acisa e a Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo uníronse
para levar a cabo un novo proxecto de formación en inglés para persoal de comercio e
hostalaría.

Carmen Cruzado, a presidenta de Acisa, explicou que “hoxe vimos de presentar un novo
proxecto que nos parece moi interesante, facémolo da man da Escola Oficial de Idiomas
de Ribadeo coa finalidade de ofrecer a todos os traballadores e traballadoras do
comercio e da hostalaría a realización dun curso de inglés especifico para todos eles.
Con este curso o que pretendemos é dar un novo servizo dende a nosa entidade.
Trátase de ofrecer formación en idiomas dun xeito técnico e adaptado ao vocabulario
mais necesario para os profesionais destes dous grandes sectores económicos, cubrindo
así unha demanda que vimos observando dende fai anos”.

Cruzado Iglesias subliñou que “Ribadeo recibe cada ano a máis turistas chegados desde
outros países, a maioría falan inglés… e pensamos que sería moi bo que cando van a un
bar, a un restaurante, a un hotel ou a un comercio se poidan comunicar con nós nesa
lingua, dunha forma sinxela. O turismo estranxeiro vai a máis e nós debemos estar
preparados para recibilo. Cantos mellores sexan os servizos que ofrecemos desde
Ribadeo e desde os nosos negocios, mellor será para todas e todos”.

A directora da EOI de Ribadeo, Paloma Galán, indicou que “este proxecto contempla
dous cursos diferentes, ambos de aprendizaxe de inglés, pero en dous niveis. O básico
A2 para aquelas persoas que necesitan iniciarse no inglés, e o nivel intermedio B1 para
aqueles que xa teñen coñecementos previos deste idioma. Estes cursos de 60 horas
cada un, desenvolverase de setembro a maio”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “o curso de iniciación será impartido os luns
de 20:00 a 22:00 horas e o de nivel intermedio os mércores tamén de 20:00 a 22:00
horas. Para inscribirse solo hai que presentar o DNI, o impreso de matricula e aboar
unicamente as taxas correspondentes. O prazo de matricula estará aberto todo o mes
de xullo e no caso de quedar vacantes reabrirase de novo do 1 ao 15 de setembro. As
persoas interesadas poden obter toda a información necesaria ou consultar calquera
dubida na web https://www.edu.xunta.gal/centros/eoiribadeo/ escribir o mail
eoi.ribadeo@edu.xunta.gal ou chamar o 982 129 657”.

E engadiu: “é importante destacar que este curso está aberto a todo o mundo, a
calquera persoa que estea traballando en nalgún comercio, bar, restaurante, hotel… O
que teñen que saber é que o temario estará completamente dirixido a facilitar os
coñecementos necesarios para desenvolverse con maior soltura en inglés nos seus
postos de traballo, tanto do sector comercial, do hostaleiro e tamén dos servizos”.

A iniciativa foi presentada por Paloma Galán, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.