ACISA e Concello asinaron esta mañá o convenio de colaboración para 2020

170

ACISA E CONCELLO ASINARON ESTA MAÑÁ O CONVENIO ANUAL DE COLABORACIÓN PARA 2020. A CONTÍA ASCENDE A 24.000 EUROS.

ACISA e Concello de Ribadeo asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ambas entidades para o 2020. A asociación recibe 24.000 euros para desenvolver actividades en prol da economía local.

Francisco Iriarte, presidente de Acisa, amosouse moi satisfeito: “estamos a falar dunha axuda moi impórtente para Acisa, son 24.000 euros, partida coa que poderemos facer fronte aos gastos dos próximos meses para reactivar a economía local. Grazas a esta axuda poderemos poñer en marcha moitas das iniciativas que dende Acisa fai uns meses presentamos no plan Reactiva Ribadeo, como eran as campañas de promoción, a dixitalización do comercio e a dinamización da economía local. Quero ademais agradecer que dende o Concello atenderan as nosas peticións, como por exemplo o aumento da contía do convenio para poder facer fronte a esta situación que estamos a vivir”.

Iriarte lembrou que “a esta petición súmanse as xa feitas e relativas á flexibilización dos espazos de ocupación para terrazas, á exoneración durante o estado de alarma das taxas municipais ou a atender as nosas suxestións para desenvolver accións por parte do Concello e ás que dende Acisa non temos alcance por falta de presuposto ou de medios”.

O xerente da Asociación e Comerciantes, Jesús Pérez, explicou os detalles deste acordo: “estamos a falar dunha partida económica de 24.000 euros, dez mil máis que o ano pasado. Esta axuda repartirase en catro liñas de traballo a desenrolar dende Acisa: en accións de dinamización comercial, que inclúe sorteos; accións de promoción turística e comercial, tratarase de a lo menos dúas campañas para promover Ribadeo como destino turístico, especialmente en Galicia e Asturias e como referente comarcal de ocio e compras; outra partida irá destinada a equipos de protección, xeles e outros materiais que poidan requirir os noso socios e socias; e a transformación dixital do pequeno comercio, que neste caso estamos a falar da APP de ACISA que en poucos días estrearemos”.

No acto da firma esta mañá participaron o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, asistidos por José Rodil, como secretario accidental do Concello. Tamén estivo presente o xerente de Acisa, Jesús Pérez.