Acisa e Concello de Ribadeo asinaron o convenio anual de colaboración que regula a axuda de 20.000 euros que recibe a asociación para seguir apoiando o consumo local.

35

Acisa e Concello de Ribadeo asinaron o convenio de
colaboración anual que regula a axuda de 20.000 euros que recibe a asociación
ribadense para seguir apoiando o consumo en clave local e para levar adiante diversas
iniciativas e actividades.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, indicou que “grazas á firma deste
convenio, poderemos desenvolver diferentes accións de dinamización comercial e
hostaleira e de promoción turística, tal y como vimos facendo desde hai anos. Concello
e Acisa seguimos a traballar xuntos, algo que sen dúbida algunha é bo para Ribadeo e
para os nosos socios e socias. Son 20.000 euros os que recibiremos neste 2024”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “o convenio co Concello de Ribadeo
céntrase na realización de actividades de dinamización comercial e hostaleira como
concertos, sorteos, campañas promocionais e publicitarias, e na compra de materiais
para entregar gratuitamente ás socias e socios do noso colectivo empresarial”.
Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento: “queremos agradecer a colaboración
do Concello de Ribadeo con Acisa a través deste convenio e tamén con outras accións
que organizamos ao longo do ano. A axuda das administracións é fundamental para a
nosa asociación. Iso permítenos planificar moitas campañas, que contribúen á
dinamización económica de Ribadeo”.

O alcalde, Dani Vega, manifestou que “Concello e Acisa firmamos un convenio de
colaboración cunha achega por parte do Concello de 20.000 euros para que poidan
realizar as súas actividades. É unha axuda directa tamén a comerciantes, porque Acisa
representa a unha grande parte de comerciantes, hostaleiros, hoteleiros, un dos
sectores económicos máis importantes de Ribadeo. Esa partida de vinte mil euros é para
impulsar e dinamizar a economía da vila”. E engadiu: “é unha colaboración permanente
e absoluta con Acisa, cunha lealdade moi importante. Estamos a traballar
conxuntamente para impulsar moitas actividades, xa fixemos moitas e agora queda
todo o verán por diante e unha serie de accións moi importantes que dinamizarán a vila
e a economía de Ribadeo”.

Na firma do convenio anual entre Concello de Ribadeo e Acisa, que tivo lugar no Pazo de
Ibáñez, participaron o alcalde, Dani Vega, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, a
concelleira de Comercio, Marta Saiz, o xerente de Acisa, Jesús Perez, e o secretario
accidental do Concello, José Rodil.