Acisa e Concello de Ribadeo únense en apoio da campaña solidaria da AECC para a carreira virtural que se desenvolverá este domingo, día 28.

64

Acisa iniciou esta campaña de difusión masiva en Ribadeo a través das súas redes sociais, dos medios de comunicación e dos seus asociados e asociadas para darlle a maior visibilidade posible: “ocorréusenos que era unha boa maneira de facer chegar esta iniciativa da AECC a mais xente, especialmente a deportistas, era facelo a través da Concellaría de Deportes, xa que ten contacto directo cos clubs de atletismo, de remo, de fútbol… e entendiamos que a súa colaboración podía ser vital para dar a coñecer esta iniciativa e animar aos ribadenses a anotarse nesta carreira solidaria”.

Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo o seu presidente, Francisco Iriarte, dixo: “queremos dar as grazas ao Concello de Ribadeo, especialmente á Delegación de Deportes, por este apoio que ademais foi inmediato. Segundo llo propuxemos aceptaron xa axudarnos e iso é de agradecer”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, sinalou que “O Concello sempre está carón do deporte e aposta por valores como a integración ou o esforzo, entre outros. Vimos colaborando coa AECC ao longo do ano noutras actividades que teñen lugar na nosa vila e neste caso tratándose dunha carreira solidaria virtual con máis motivo quixemos estar ao lado desta asociación e de Acisa”.

Para amosar este apoio conxunto á carreira solidaria virtual da AECC hoxe reuníronse o concelleiro e o técnico de Deportes de Ribadeo, Jorge Díaz e Iván Rodríguez, co presidente e co xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez.