
Acisa e Concello fan un balance moi positivo do VIII Ribadeo
Indiano, que rematou onte co concerto de Eliades Ochoa e co sorteo da viaxe a Cuba para
dúas persoas que lle tocou á ribadense Sonia Fernández Amor.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “o balance que facemos desde Acisa é
moi positivo. As imaxes están aí: rúas ateigadas de xente, hoteis completos, restaurantes
dobrando das quendas das comidas e das ceas para atender toda a demanda existente, os
comercios viron incrementadas as súas vendas ao longo destes días e tamén durante a fin
de semana polo que nos comentan… a Ribadeo chegaron ducias de autobuses para
disfrutar deste evento histórico cultural procedentes
de diferentes localizacións de Asturias e de Galicia”.
Cruzado Iglesias contou que “onte o broche de ouro ao VIII Ribadeo Indiano púxoo unha
lenda viva da música cubana, como é Eliades Ochoa, e o sorteo da viaxe a Cuba para
dúas persoas. Son dúas citas que fan que o último día do Ribadeo Indiano manteña o
tirón de toda a fin de semana. Ver desde o escenario o barrio de San Roque repleto de
xente produce unha forte emoción e desde aí vese a dimensión enorme do evento”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo
felicitou “á gañadora da viaxe a Cuba. Trátase de Sonia Fernández Amor. É unha veciña de
Ribadeo, que viaxará a Cuba o vindeiro mes de setembro. A papeleta afortunada foille
entregada no Mesón D’ Cata. Aproveito a ocasión para dar as grazas unha vez máis aos
patrocinadores do sorteo: Alhambra, Banco Sabadell, Caixa Rural, Galipizza e A Cofradía de
Rinlo, así como tamén a todas as administracións que dun xeito ou doutro apoiaron á Acisa:
Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Concello de Ribadeo”.
E engadiu: “o impacto económico do Ribadeo Indiano é importantísimo para esta vila, pero
tamén para toda a contorna. Grazas a todas as persoas que traballaron, colaboraron e
apoiaron á organización para que esta cita siga a ser o que é, todo un referente na nosa
terra e tamén fora de aquí”.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “o Ribadeo Indiano foi todo un éxito, a nosa vila estivo completa,
milleiros de visitantes acudiron ao Ribadeo Indiano, moitos veciños e veciñas gozamos desta cita.
Creo que foi todo un éxito e seguirá sendo”.
O rexedor subliñou que “o balance é moito positivo. Podemos estar a falar dun impacto
económico de máis de 3 millóns de euros. Hoteis, restaurantes e comercios se viron
claramente beneficiados. Este Ribadeo Indiano trouxo un impulso económico
á nosa vila moi importante”.
E engadiu que “entre todos fixemos posible que o Ribadeo Indiano saíra ben, as cifras
saíron ben, o impacto económico saíu moi ben e Ribadeo foi un exemplo a seguir
durante toda esta fin de semana”.
Fixeron entrega da viaxe a Cuba a Sonia Fernández a presidenta e o xerente de Acisa,
Carmen Cruzado e Jesús Pérez, o alcalde, Dani Vega, as concelleiras de Turismo e Cultura,
Marta Saiz e Begoña Sanjurjo, e o deputado provincial Fran Cajoto.