
Acisa estará presente en Fitur 2025 xunto ao Concello
de Ribadeo, conformando a delegación ribadense que acude a esta importante cita, que
se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “asistimos a Fitur 2025 coa campaña
Pensando en ti, coa que pretendemos mostrar que Ribadeo ten opcións turísticas para
todos os gustos, turismo de mar e montaña, de ocio, de cultura, de gastronomía, para
xóvenes e para adultos, para familias con nen@s… en definitiva Ribadeo pensa en todos
para ofrecer o mellor de sí e que o turismo siga a impulsar a nosa economía. O
obxectivo principal da nosa presenza en Fitur é ofrecer Ribadeo como un destino de
calidade, aberto a calquera turista que queira coñecer o noso municipio”.
Pérez Prada contou que “participaremos co Concello en reunións de traballo con
diversos operadores e axencias turísticas, na procura de dar a coñecer os servizos
turísticos, hostaleiros, hoteleiros e comerciais que Ribadeo pode ofrecer aos futuros
visitantes. Pretendemos tamén establecer acordos e puntos de colaboración con
intermediarios e outros destinos, así como favorecer a difusión de Ribadeo como un
destino de calidade visitable durante todo o ano, poñendo en valor as campañas e
marcas turísticas de Acisa, que son varias ao longo do ano, e do mesmo xeito reunirnos
con diferentes colectivos similares o noso, dos que podamos aprender e compartir ideas
e proxectos e establecer relacións con clústers e representantes de turismo das
diferentes administracións”.
O xerente de colectivo empresarial ribadense indicou que “desde Acisa traballamos
diariamente para fidelizar ás persoas que veñen visitarnos, para atraer novos segmentos
de demanda, para favorecer a desestacionalización e para poñer en valor os nosos
recursos, especialmente os gastronómicos e comerciais mediante diferentes campañas
como é o Domingueo en Ribadeo, Ribadeo preto de ti, o Centro Comercial coas Mellores
Vistas, o Barrio Mariñeiro de Porcillán e a Vila Mariñeira de Rinlo, entre outras…”.
Jesús Pérez subliñou que “a presenza de Acisa en Fitur é moi relevante, xa que
aglutinamos á maior parte do tecido empresarial ribadense, e moi especialmente ao do
sector turístico. Os nosos asociados e asociadas son os principais beneficiarios dela.
Nesta feira vaise promocionar Ribadeo como destino turístico, pero tamén nas
diferentes reunións con operadores turísticos explicámoslles a gran oferta de prazas
hoteleiras, a súa categoría e os servizos que ofrecen, o tipo de comercio que temos,
referente comarca, as especialidades gastronómicas que poden atopar na nosa
hostalería, as empresas de ocio das que poden desfrutar os seus clientes… O turismo é
o principal motor económico da nosa vila. Por iso debemos seguir traballando na
promoción de todo aquilo que Ribadeo pode ofrecer, así como en aumentar e mellorar
tanto a nosa oferta como os servizos turísticos ofertados polas nosas empresas. A
implicación do sector é un piar fundamental na nosa promoción como destino turístico,
por elo, Acisa segue asistindo ano a ano a esta Feira desde case a súa fundación”.
Acisa estará presente en Fitur do 22 ao 24 de xaneiro, conxuntamente co Concello de
Ribadeo. A asociación ribadense asistirá a algunhas das presentacións das novas
campañas turísticas da comarca que se presentarán ao longo deses días no stand de
Galicia en Fitur “co obxectivo de amosar o noso apoio a todas as iniciativas que
contribúan á promoción turística de Ribadeo e da Mariña”, sinalou a presidenta de
Acisa, Carmen Cruzado.