ACISA fai un balance moi positivo da Semana Santa

53
A.C.I.S.A. Ribadeo

ACISA RIBADEO FAI UN BALANCE MOI POSITIVO DA SEMANA SANTA.

DESTACA A OCUPACIÓN HOTELEIRA E O MOVEMENTO REXISTRADO NA HOSTALERÍA E NO COMERCIO.

Acisa fai un balance moi positivo da Semana Santa. A asociación ribadense destaca a ocupación hoteleira e o movemento rexistrado nos hoteis, nos restaurantes e tamén no comercio ao longo destes días.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinala que “estamos satisfeitos coa ocupación que roldou o 100% durante estes días, nos que non se produciron practicamente cancelacións. A climatoloxía xogou ao noso favor. Houbo moi bo tempo e iso notouse moito en Ribadeo e en toda a súa contorna”.

Para Iriarte “a Semana Santa foi boa para os hoteis e tamén para os bares, mesóns e restaurantes, que estiveron a tope de xente tanto ás horas das comidas e ceas como dos aperitivos e dos viños, ao igual que os locais de ocio nocturno. Pensamos que desde o punto de vista turístico Ribadeo vai a máis e iso nótase de ano en ano. Daba gusto saír pasear e ver as rúas e as terrazas ateigadas de xente, os paseos, o parque… en calquera recuncho de Ribadeo, do seu municipio, das súas praias podías atopar visitantes estes días”.

Sobre o comercio o presidente de Acisa di que “os milleiros de persoas que esta Semana Santa pasaron por Ribadeo tamén aproveitaron para facer compras no comercio local, no que a campaña das Panchas tamén se está a deixar sentir de forma especial, así como o inicio da época das comuñóns”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, engade que “a día de hoxe xa se consumiron no comercio de Ribadeo 17.000 panchas, é dicir 17.000 euros, mais do 40% dos que se puxeron en circulación o pasado 4 de abril. Aínda quedan 23.000 panchas para gastar ata o vindeiro 5 de maio. A cifra de gasto é maior, porque a clientela non só gasta o importe das panchas, senón que gasta máis. Estamos comprobando nestes días como esta campaña está a xerar un movemento económico destacable en Ribadeo. E aproveitamos para insistirlle á xente que ten para gastar a moeda local ata o 5 de maio, despois xa non terá valor. Aínda quedan días, pero que ninguén se despiste”.