ACISA fai un balance moi positivo da XII Gala Anual celebrada onte

23

Acisa fai un balance moi positivo da XII Gala Anual celebrada onte no Parador de Turismo e á que asistiron máis de 120 persoas.

O evento serviu para conmemorar o Premio Nacional de Comercio Interior que a asociación recibiu hai uns meses e os 37 anos de vida de Acisa. No acto foron entregados os galardóns 2026 ao relevo xeracional a Valentina Fernández e Marta Rico del Río, de Valentina e Del Río, avoa e neta por garantir a continuidade deste histórico comercio ribadense; como negocios emblemáticos recibiron o seu galardón Chocolates Moreno e Ribanzo, que recolleron María José Ríos e tamén Manuel Fernández e Tito Díaz; o galardón a toda unha carreira foi para Lorenzo Ruiz Misioné y María Soto Fernández, propietarios de Carnicería Soto Misioné, da praza de abastos, que acaban de xubilarse; e o premio ao espírito emprendedor recibiuno Fini Suárez, propietaria de Galán.

Na Gala de Acisa foron homenaxeados todos os presidentes da asociación. Foron nomeados socios honoríficos e ribadenses do ano: Andrés Tojal e Pablo Vizoso, ambos a título póstumo, o recoñecemento foi recollido por Sara Crecente Tojal, sobriña de Andrés Tojal e Diego Vizoso Castro, fillo de Pablo Vizoso; Gervasio Cao, Francisco Iriarte, Roberto Rivas, Roberto Ramos, David Martínez e Carmen Cruzado tamén recolleron o seu agasallo de mans do padriño da Gala, o xornalista e escritor José Ribagorda, e do xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez.

Interviñeron na quenda de discursos a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez; o deputado responsable da Área de Medio Rural e Mar, Dani García; o director xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; e o alcalde ribadense, Dani Vega. Tamén asistiron a esta cita o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; a concelleira de Comercio, Marta Saiz; e representantes das Asociacións de Comerciantes de Foz e de Burela, entre outros.

Desde Acisa Ribadeo a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo que “foi unha velada moi emotiva para os galardoados de 2026 e tamén para todos os presidentes da asociación homenaxeados a pasada noite. Queremos agradecer a asistencia de todos eles a este evento que serviu para compartir experiencias e cambiar impresións. Grazas a todas as
administracións polo seu apoio constante e a todas as empresas patrocinadoras e
colaboradoras coa Gala de Acisa Ribadeo. Para nos é moi importante contar con todas
elas”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, agradeceu “a presenza do escritor e xornalista José
Ribagorda, que foi o padriño desta XII Gala Anual de Acisa. E tamén ao xornalista Baruk
Domínguez, que foi o encargado de conducir a velada na que conmemoramos o Premio
Nacional de Comercio Interior, que recibimos a principios deste 2026 en Toledo, así
como o 37 aniversario de Acisa Ribadeo. A de onte foi unha noite especial e o balance
que facemos é moi positivo”.