
AcisaA fai un balance moi positivo da Semana Santa, que rexistrou unha moi boa ocupación hoteleira e moita actividade comercial.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Carmen Cruzado, declarou: “o balance que facemos desde Acisa desta Semana Santa é moi positivo. Durante todos estes días puidemos ver as rúas e os bares ateigados de xente, a praia das Catedrais esgotou os pases de visita varios días, o paseo entre o muíño das Aceas e a Illa Pancha estivo moi concorrido toda a semana. A xente puido pasear, gozar das terrazas, visitar diferentes enclaves turísticos… aínda hoxe é posible atoparse con moitos turistas, que aproveitan o festivo nas súas comunidades autónomas, algunhas delas do norte, para prolongar as súas vacacións entre nós, ao igual que os peregrinos que son xa un goteo constante polo Camiño Norte, sobre todo estranxeiros nesta época do ano”.
Jesús Pérez, xerente de Acisa, explicou que “a ocupación hoteleira superou de media de xoves a domingo o 80%, e cabe destacar que este ano non so se limitou a ese período, se non que se notou dende o sábado anterior. No comercio temos que dicir que en liñas xerais os comerciantes están contentos, dinnos que a xente viña con ganas de mercar e neste caso o tempo tamén axudou a que os visitantes fixeran compras de cara á primavera e ao verán. Nos restaurantes as cifras son moi boas, os comedores durante toda a Semana Santa enchéronse en varias quendas nalgún caso tanto nas comidas como nas ceas e incluso algúns colgaron os carteis de completos. A noite do sábado a zona vella ofrecía unha estampa máis propia do mes agosto que de abril”.
E engadiu: “os primeiros datos que temos dos nosos asociados apuntan a que en hostalaría a facturación de media foi algo maior que a do pasado ano, aproximadamente un 10 %, e o que mais nos destacan é que non so foron bos os días principais de xoves a domingo, se non que foron bos dende o sábado anterior. O luns, martes e mércores, que tradicionalmente son mais baixos, tamén foron bos”.
Carmen Cruzado dixo: “en resumo o balance que facemos desde Acisa Ribadeo é moi positivo. En liñas xerais os datos son bos, aínda que sempre hai algunha excepción, como é lóxico. A meteoroloxía tamén nos axudou. Comer e cear sen reserva foi practicamente imposible. Hai que destacar que os nosos hostaleiros fixeron todo o que estivo nas súas mans para poder atender á grande afluencia de comensais que recibiron estes días. Non había mais que dar unha volta por Ribadeo para atoparse con xente por calquera recuncho, gozando do patrimonio cultural ou paisaxístico ou mercando no comercio local. O bo tempo marcou esta Semana Santa e iso deixouse sentir moito na afluencia de visitantes a Ribadeo e á súa contorna: Rinlo, as praias, o porto deportivo, as terrazas… estiveron ateigadas de xente estes días”.
Pérez Prada sinalou: “os datos indícannos que Ribadeo é xa un referente turístico e comercial asentado e consolidado, lideramos as visitas na comarca e na provincia de Lugo en moitos casos. Moitos turistas veñen disfrutar de Ribadeo, veñen coñecernos e ademais dormen e quedan aquí, desde onde se desprazan ao resto da comarca da Mariña e do Occidente asturiano”.
Presidenta e xerente rematan “agora xa estamos coa vista posta no verán, que si vai ao mesmo ritmo que estes días que acabamos de pasar, será de récord en Ribadeo. Temos enriba unha ponte festiva, a do 1 de maio, e antes e despois varias citas gastronómicas e deportivas importantes, e xa nos poñemos no Ribadeo Indiano. De aquí en diante isto é un sen parar, e polo medio chegarán algunhas novidades de Acisa, así que toca poñer os motores a toda potencia porque veñen meses de moita actividade”.
















