ACISA fai un balance positivo da Semana Santa, que rexistrou unha boa ocupación hoteleira e moita actividade comercial, a pesares da metereoloxía adversa.

18

Acisa fai un balance positivo da Semana Santa, que rexistrou unha boa ocupación hoteleira e moita actividade comercial, a pesares da meteoroloxía adversa destes días.

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Carmen Cruzado, declarou: “o balance que facemos desde Acisa desta Semana Santa é positivo. A ocupación hoteleira situouse de media de xoves a domingo entorno ao 75%, cifras que son boas tendo en conta o tempo que tivemos esta Semana Santa, aínda que son algo menores que as do ano pasado. Houbo poucas cancelacións e desapareceron practicamente as reservas de última hora.

No comercio temos que dicir que en liñas xerais os comerciantes están contentos, dinnos que a xente viña con ganas de mercar e neste caso o tempo si que axudou algo mais, xa que os visitantes animáronse a facer un turismo de tendas e de bares para refuxiarse da choiva”.

Cruzado Iglesias subliñou que “durante todos estes días puidemos ver as rúas e os bares ateigados de xente, a praia das Catedrais esgotou os pases de visita ao areal xoves e venres santos. O aparcamento municipal, do centro de Ribadeo, dende o mércores estivo cheo en varios momentos, e a pesares do tempo desapacible, o paseo entre Os Bloques e o Faro da Illa Pancha era un ir e vir de xente que aproveitaba a súa estadía aquí para disfrutar da paisaxe e para facer exercicio”. A presidenta de Acisa contou que “agás o sábado, que choveu todo o día, o tempo non foi tan malo como apuntaban as previsións meteorolóxicas. Xoves e venres en Ribadeo a xente puido pasear, gozar das terrazas, visitar diferentes enclaves turísticos… Aínda hoxe é posible atoparse con moitos turistas, que aproveitan o festivo nas súas comunidades, algunhas delas do norte, para prolongar as súas vacacións entre nós. Ao igual que os peregrinos que son un goteo constante polo Camiño Norte”.

Carmen Cruzado dixo: “en resumo o balance é positivo, pero prudente. En liñas xerais os datos son positivos, pero hai excepcións, como é lóxico. Si todos os días ou maioría tivese lucido o sol estaríamos a falar dunha moi boa Semana Santa, pero a meteoroloxía é a que manda e nesta ocasión o tempo foi malo en Ribadeo, en Galicia e en moitos puntos da xeografía española, incluso ata nas illas”.

O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, sinalou que “comer e cear sen reserva foi practicamente imposible. Hai que destacar que os nosos hostaleiros fixeron todo o que estivo nas súas mans para poder atender á grande afluencia de comensais que recibiron estes días. Non había mais que dar unha volta por Ribadeo para atoparse con xente por calquera recuncho, gozando do patrimonio cultural ou paisaxístico ou mercando no comercio local. Os datos indícannos que Ribadeo é xa un referente turístico e comercial asentado no que nin a meteoroloxía o para”. Pérez Prada engadiu: “en liñas facemos un balance positivo da Semana Santa de 2025. Agora xa estamos coa vista posta no verán, que si vai ao mesmo ritmo que estes días que acabamos de pasar será de récord en Ribadeo.

En breve comeza xa a época estival, temos xa enriba unha ponte festiva, a do 1 de maio, o despois varias citas gastronómicas e deportivas importantes e xa nos poñemos no verán e no Ribadeo Indiano. De aquí en diante isto é un sen parar, e polo medio chegarán algunhas novidades de Acisa, así que toca poñer os motores a toda potencia, porque veñen meses de moita actividade”.