ACISA fai un balance positivo do mes de xullo e afronta agosto con moi boas expectativas

19

Acisa Ribadeo fan un balance positivo da actividade turística e comercial rexistrada durante o mes de xullo. As previsións da entidade de para agosto son tamén moi boas, especialmente no sector do aloxamento e da hostalaría.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, indica que “segundo os datos cos que contamos, tras consultar cos nosos asociados e asociadas, podemos dicir que xullo foi un bo mes a nivel turístico de forma xeral para o tecido empresarial ribadense. O turismo segue sendo un importante motor económico para a nosa vila e continúa tendo unha incidencia moi relevante na actividade dos distintos sectores”.

Pola súa banda, o xerente do colectivo, Jesús Pérez, explica que “a ocupación hoteleira en xullo roldou de media entre o 75 % e o 80 %, cun goteo constante de reservas ao longo de todo o mes e cunha elevada rotación, xa que os períodos de pernoctación, segundo nos trasladan os propios establecementos foron en xeral curtos, de poucos días. As expectativas para agosto son moi boas. Hai numerosas xornadas nas que a ocupación será practicamente do 100 %, especialmente entre os días 7 e 16, que se presenta como un dos períodos de maior actividade turística do verán”.

No sector da hostalaría, e máis concretamente nos bares e no ocio nocturno, o balance de xullo tamén é positivo, aínda que cun comportamento desigual. Pérez Prada conta que “xullo foi un bo mes, aínda que a actividade tardou algo en coller ritmo. De luns a venres predominou un consumo máis moderado e unha menor afluencia en horario nocturno, mentres que as fins de semana concentraron boa parte da actividade, con establecementos cheos e moito ambiente nas rúas. Este comportamento indica que unha parte moi importante do motor deste sector segue estando nos veciños e visitantes de proximidade, que manteñen a súa actividade laboral habitual e concentran as saídas e o consumo principalmente durante as fins de semana”.

No caso da restauración os resultados foron máis positivos e constantes: “o mes comezou con certa calma, pero a partir da segunda semana notouse unha suba clara no consumo, con establecementos con boas cifras a diario. Iso si, algúns empresarios tamén nos trasladan que, aínda habendo unha elevada afluencia, as comandas foron nalgúns casos máis comedidas que noutros anos”, sinala Pérez.

Pola súa banda, Carmen Cruzado subliña que “o mes de xullo tamén foi bo para o comercio ribadense. Os nosos socios coinciden en que este xullo funcionou de maneira positiva e cun maior movemento no centro da vila”.

A presidenta de Acisa engade que “o perfil do turista foi, sobre todo, o dunha persoa de curta estancia e cun comportamento en moitos casos máis orientado á visita que ao consumo. Aínda así, o balance global é positivo e os resultados indican tamén que a campaña de rebaixas deste ano arrancou con forza. Estes datos amosan unha vez máis, a capacidade de atracción de Ribadeo como destino turístico e comercial, así como a importancia de seguir traballando na dinamización da vila e na procura dunha maior conversión da afluencia turística en consumo directo nos establecementos locais”.

Cruzado Iglesias sinala que “é de destacar a presenza cada vez máis importante durante todo o verán do turismo estranxeiro chegado desde países como Francia, Italia, Reino Unido ou Alemaña por poñer so uns cantos exemplos, e no tocante ao turismo nacional andaluces, estremeños, madrileños ou vallisoletanos veñen a Ribadeo buscando as nosas cálidas temperaturas, a exquisita gastronomía e a beleza paisaxística. Pola rúa e nas terrazas tamén podemos atopar e escoitar a vascos e cataláns gozando das nosas potencialidades turísticas”.

Jesús Pérez, xerente de Acisa, fai tamén unha reflexión sobre o perfil dos visitantes e a súa repercusión real na economía local: “debemos diferenciar entre afluencia turística e consumo. Ter cada vez máis persoas que visitan Ribadeo é unha boa noticia e demostra a capacidade de atracción da nosa vila, pero o reto está en conseguir que unha parte cada vez maior deses visitantes se converta tamén en consumidora dos nosos establecementos. Os datos que manexamos amosan un turismo maioritariamente nacional, de en torno o 75 % cunha presenza especialmente destacada de visitantes procedentes de Madrid, Castela e León ou Andalucía, ao que se suma un turismo internacional, de aproximadamente o 25 %, que ten un peso importante e que está moi vinculado, entre outros factores, ao Camiño de Santiago”.

E engade que “estamos observando cambios nos hábitos de consumo e nos propios modelos de viaxe. Hai perfís que optan por estadías curtas, autocaravanas ou outras modalidades de aloxamento e que realizan unha parte importante do seu gasto nos supermercados. É un turismo que suma visitantes e actividade na vila, pero cuxo impacto económico non sempre se traslada coa mesma intensidade á hostalaría, á restauración ou ao comercio local. Por iso, ademais de seguir traballando para atraer visitantes, debemos avanzar na captación dun turismo con maior capacidade de gasto e, sobre todo, conseguir que quen visita os nosos comercios, se sente nas nosas terrazas e restaurantes, coñeza os nosos produtos e prolongue a súa estadía. O verdadeiro reto non é unicamente incrementar o número de visitantes, senón aumentar o retorno que esa actividade turística deixa no conxunto da economía de Ribadeo”.

A presidenta de Acisa matiza que “falamos sempre de tendencias xerais obtidas a partir do que nos trasladan os nosos asociados, polo que evidentemente existen diferenzas entre sectores e establecementos. O balance medio de xullo é positivo, pero tamén debemos aproveitar a información que nos proporciona o empresariado para analizar cara onde está evolucionando o turismo. Algo que nos destacan maioritariamente é que o mes de xuño, foi moito mellor que o do ano pasado, e porcentualmente mellor que este de xullo. Ribadeo ten capacidade para atraer a moitísima xente, agora temos que conseguir incrementar a estadía, o consumo e o gasto medio por visitante, porque iso é o que finalmente permite que o turismo se traduza en actividade económica, emprego e riqueza para a vila”.

A entidade afronta agora o mes de agosto con boas expectativas, confiando en que se manteña o elevado nivel de ocupación previsto e que esta maior presenza de visitantes teña tamén unha repercusión positiva no comercio, na restauración, na hostalaría e no conxunto da actividade económica local.