ACISA fai un chamamento especial á cidadania para que nesta nova etapa de desescalada sexa especialmente responsable.

91

Acisa fai un chamamento especial á cidadanía para que nesta nova etapa de desescalada sexa especialmente responsable. As normas son moi claras e os camareiros e comerciantes non son policías “debemos entre todos ser responsables, xogámonos moito de aquí a Semana Santa”, indican desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.

Francisco Iriarte, presidente da patronal ribadense, cre que “o meu deber é ser moi claro tanto cos veciños como cos negocios da vila sexan socios ou non. Estamos nun momento critico, un paso en falso, é dicir poucos positivos en poucos días pódenos levar á situación da que acabamos de saír. Sexamos prudentes e rigorosos á hora de cumprir as normas. Se un bar ten cheo o aforo, vai a outro e volve despois a ese. E no tócante aos negocios, ata o de agora a gran maioría foi responsable, sigamos así. Cumpramos as medidas de distancia de mesas, o peche das barras e os aforos, xa se nos avisou de que se van facer inspeccións, polo que aínda solo sexa polo dano ao peto sexamos escrupulosos neste asunto. O aviso da Xunta foi claro tan pronto como se abre se pecha, e non podemos xogárnola de cara nin á Semana Santa nin moitísimo menos ao verán. Temos a obriga de chegar á época estival co máximo de capacidade de traballo que nos deixen e coas mínimas restricións, e iso solo esta nas mans dos clientes e dos negocios e por suposto de portas para dentro en cada casa”.

Jesús Pérez, xerente de Acisa, indicou que “dende Acisa queremos axudar á hostalería neste momento de reapertura, os camareiros e os comerciantes non son policías, e é moi desagradable ter que dicirlle a clientes habituais que non poden entrar porque o aforo esta cheo, por iso dende Acisa poñeremos en marcha a campaña Non me comprometas co fin de concienciar á cidadanía. O resumen da campaña seria se non podes tomar algo nun bar porque ten o aforo completo, tómao noutro e volve cando o primeiro teña o aforo libre. Así estaremos axudando aos hostaleiros. Desde Acisa levamos desde onte tentando axudarlles e explicándolle ao sector o Plan de Hostalería Segura da Xunta de Galicia. Tamén estamos a traballar na mellora e ampliación da marca Ribadeo Seguro, un signo de distinción dos establecementos da nosa asociación. É o momento de recordarlle á cidadanía que ir a un bar ou a un restaurante é mais seguro que xuntarse nunha casa. E isto vale tanto para xoves como para adultos, nin as casas nin os parques son bares nin son sitios seguros, porque neles reláxaste e incumpres todas as normas. Agora bares e restaurantes están abertos, aí é onde mais seguro vamos estar”.

O xerente da asociación ribadense dixo que “estamos a traballar no reforzo da marca Ribadeo Seguro, como un selo de calidade e seguridade para os nosos establecementos, que incluirá novo reparto de material. Estamos analizando as campañas que se poderán desenvolver nos vindeiros meses e que dependerá da evolución da situación sanitaria que estamos a vivir”.

Iriarte Quintana subliñou: “gustaríame destacar que desde Acisa informamos a diario aos nosos socios e socias de todos os cambios que se producen nas normativas, con resumes do DOG, etc. Consideramos que este é un bo momento para asociarse ao noso colectivo. Hai tanta información, tantos cambios que é imposible que unha persoa, que un negocio en solitario poida estar ao tanto de todo. Nós facemos eses traballo por e para eles”.

O presidente de Acisa engadiu que “tamén comezaremos a vindeira semana cun proceso de melloras internas en Acisa, entre elas a de renovación e actualización da base de datos, que leva demasiados anos sen actualizarse. Ademais a partir de o luns, 1 de marzo, a oficina de Acisa recupera a normalidade, volve a atención presencial de luns a veres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 axustando mellor o horario de oficina ao comercial”.