
Acisa felicita ao Alén, de Ribadeo, que ven de conseguir o
terceiro posto no IX Campionato de Tiraxe de Cervexa Edición Norte, que hoxe tivo lugar
no Fórum Gastronómico que se está a celebrar na Coruña.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “estamos moi contentos do
traballo desenvolvido por O Alén, negocio asociado a Acisa, no Fórum Gastronómico de
Galicia que se celebra desde onte e ata mañá na Coruña. O nome de Ribadeo segue
despuntando a través do noso sector hostaleiro. Iso é un recoñecemento, un premio ao
esforzo e á dedicación. Desde Acisa animamos a Mariña Rodríguez e aos seus
compañeiros a seguir nesa liña”.
Cruzado Iglesias lembrou que “hai unhas semanas o restaurante Javier Montero
conseguía un Sol Repsol e estes días os seus propietarios Javier Montero e Tita Iglesias
participan tamén no Fórum Gastronómico de Galicia nunha mesa redonda sobre
formatos de negocio. Sen esquecernos dos locais que contan con outros
recoñecemenos neste ámbito. Ribadeo estase a converter nun referente gastronómico,
ao igual que xa o é desde hai anos no ámbito comercial e iso merece unha valoración
moi positiva pola nosa parte”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús
Pérez, dixo que “todo bo traballo ten o seu premio, o seu merecido. Estamos moi
satisfeitos de que as nosas asociadas e asociados destaquen polo seu traballo, porque
iso é moi bo para eles, para nós como asociación e para Ribadeo como pobo”.