ACISA firmou un novo convenio de transportes con condicions vantaxosas para as súas asociadas e asociados e traballa nunha axenda de actividades que axuden á economia local

89

Acisa firmou un novo convenio de transportes con condicións vantaxosas para as súas asociadas e asociados e traballa nunha axenda de actividades que axuden á economía local.

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, contou que “renovamos o noso convenio coa empresa de transportes Tipsa, co fin de mellorar as condicións de transporte de mercadorías, para os nosos asociados e asociadas. Este servizo é moi utilizado e cremos conveniente mantelo, cunhas novas tarifas aínda mais vantaxosas e mellorando o servizo de recollida e entrega. O convenio inclúe diferentes formas de envío como provincial, rexional, peninsular e insular, así como diferentes horas,  urxente con entrega antes das 10 da maña, entrega ás 14 horas e entrega entre 24 e 48 horas”.

Iriarte dixo que “dende Acisa traballamos co fin de proporcionar os mellores servizos os nosos asociados. Este é moi necesario e utilizado polo comercio, cremos que será moi útil para eles. Isto sen dubida é un motivo mais para formar parte de Acisa, poder desfrutar de acordos vantaxosos coma estes”.

Valoración sobre o mantemento das restricións

Pola súa banda, o xerente e portavoz de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, indicou que “non podemos comprender como tras descender os casos activos a practicamente a metade e descender a incidencia acumulada se mantén a Ribadeo no nivel alto de restricións; e moito menos cando a outros concellos con maiores incidencias e mais positivos si se lles cambia de nivel. Ademais as declaracións feitas polo conselleiro de Sanidade foron canto menos desafortunadas, seguen a pedirlle á mocidade que reduza os seus contactos. De seguir así, haberá que facer vida social mirándose ao espello. Recordar que as festas ou reunións nas casas están prohibidas está ben, pero se as medidas que se establecen levan á xuventude e aos adultos a reunirse nas casas, quere dicir que as medidas non son as adecuadas. Como xa levamos denunciando dende Acisa as medidas actuais o único que fan é propiciar precisamente iso, festas privadas, churrascadas, botellóns… Insistimos en que si a hostalaría tivera mais aforos e non se discriminara no acceso ao interior dos locais, moitos deses incumprimentos desaparecerían”.

Para Pérez “xa vai sendo hora de que se non nos permiten traballar ao 100% e se cada vez poñen mais problemas a Xunta debería abrir de urxencia unha liña de axudas directas a fondo perdido polas perdas que se están a producir, especialmente na hostalaría. Non é xusto que sempre paguen as consecuencias os mesmos, cando non son responsables do aumento de casos. E non é xusto que baixen á metade os casos en Ribadeo e que non se relaxen as restricións”.

O xerente de Acisa manifestou que “o noso deber, e así o facemos, é informar aos nosos asociados e asociadas e pedirlles a eles e aos seus clientes veciños e visitantes que cumpramos as normas, aínda que pareza que non sirva de nada facelo. A xente cada vez esta máis farta e chegando ao limite non so da paciencia senón economicamente. Se se segue afogando ao mesmo sector continuamente, poden verse abocados a que deixen de acatar as normas porque prefiran darlle de comer ás súas familias arriscándose a ser multados”.

Jesús Pérez pídelles “especialmente aos visitantes que se informen das medidas que están vixentes, que respecten aos hostaleiros e teñan paciencia nesta situación que nos desagrada a todos. Eles non poñen as normas, imponas a Xunta de Galicia, pero eles teñen que cumprilas para non ser sancionados”

Colaboración co Concello

Presidente e xerente de Acisa conclúen: “é de agradecer que dende o Concello

se poña en marcha unha nova edición das Panchas, xa que contribuirá a dinamizar a economía local no último cuadrimestre do ano. Terá unha repercusión positiva e importante nos negocios que participen na campaña, sexan asociados ou non a Acisa. A nosa asociación non colabora directamente nesta terceira edición da campaña, pero si estivemos e estamos en contacto estreito co Concello e valoramos de xeito positivo todas as novidades que implicará. Diante da falla de axudas directas doutras administracións teremos que poñer os demais todos os recursos dispoñibles para xerar movemento económico que repercuta na hostalaría e no comercio. Concello e Acisa seguimos a traballar xuntos noutras iniciativas que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses e das que iremos informando puntualmente”.

E engadiron: “Ribadeo sigue sendo un lugar seguro de turismo, de ocio e de compras, cada día con menos casos activos e baixando a incidencia acumulada. Aquí seguimos dispostos a recibir a todos os que nos visiten ao longo das vindeiras semanas”.