ACISA estará presente mañá, na manifestación que terá lugar en Ribadeo para celebrar o Día Internacional das Mulleres

203

ACISA ESTARÁ PRESENTE MAÑÁ, VENRES, NA MANIFESTACIÓN QUE TERÁ LUGAR EN RIBADEO PARA CELEBRAR O DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES. DESDE A ASOCIACIÓN EXPLICAN QUE ACUDIRÁN “POR RESPONSABILIDADE E PARA AMOSAR O APOIO A TODAS AS ASOCIADAS QUE MAÑÁ DECIDAN FACER FOLGA”.

Acisa estará presente mañá, 8 de marzo, na manifestación que terá lugar en Ribadeo a partir das doce do mediodía, convocada polo Concello para celebrar o 8M, o Día Internacional das Mulleres.

Desde a directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos “apoiamos esta data e as actividades organizadas na nosa vila debido á importancia social que teñen. Está nas mans de todas e todos nós loitar por unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes, na que todos e todas teñamos os mesmos dereitos laborais, económicos, etc… e as mesmas facilidades para conciliar a vida familiar co posto de traballo que desempeñamos, xa sexamos home ou muller”.

Acisa acudirá á manifestación de mañá “por responsabilidade e para amosar o noso apoio a todas as asociadas que decidan este 8M facer folga e acudir ás mobilizacións convocadas tanto en Ribadeo como á manifestación central da Mariña que se desenvolverá en Burela”.