ACISA mantivo un encontro cos responsables da Garda Civil en Ribadeo tras os incidentes ocorridos hai uns días: roubos e pelexas na rúa.

33

Acisa mantivo un encontro cos responsables da Garda
Civil en Ribadeo tras os incidentes ocorridos hai uns días: roubos en negocios
hostaleiros e pelexas na rúa.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, comentou que “como é lóxico, tras o sucedido
estas pasadas fins de semana, dende Acisa quixemos manter unha xuntanza coa Garda
Civil, para transmitirlle a preocupación dos nosos asociados e asociadas, xa que estes
feitos prexudican a actividade empresarial e a imaxe de Ribadeo”.

E engadiu: “tras esta reunión queremos facer unha chamada á calma e á tranquilidade.
Trátase de feitos illados, de aí que non debamos xeneralizar. Ribadeo é seguirá sendo
un lugar tranquilo. A Garda Civil trasladounos que traballa intensamente na
investigación de todos os sucesos acaecidos e que están a reforzar a vixilancia nocturna,
especialmente nas horas mais conflitivas das fins de semana. Desde a Benemérita
tamén nos indicaron que calquera persoa que detecte presenzas ou movementos
sospeitosos a carón dos seus establecementos se poña en contacto con eles ou aqueles
veciños e veciñas que visen ou escoitasen algo de noite, xa que calquera pista pode ser
fundamental”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, contou que “desde Acisa gustaríanos resaltar, que no
tocante ás pelexas, en ningún caso se produciron dentro de establecementos asociados,
onde debemos incidir en que se están a cumprir as normativas de control, de
seguridade e de horarios. Estes sucesos tenden a ocorrer na rúa e nas horas de desaloxo
e peche dos negocios de ocio nocturno, o que quere dicir que non se lles poden botar as
culpas a eles, se non ás condutas incívicas dalgunhas persoas, que afortunadamente son
unha minoría”.

Pérez Prada subliñou que “convén que nas nosas casas e coas nosas familias analicemos
todas estas cuestións e que pensemos en que a educación e a cultura teñen moito que
ver con todo isto”.

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos
agradece “a dispoñibilidade da Garda Civil de Ribadeo para reunirse con nós así como
o traballo que están a desenvolver para o pronto esclarecemento duns feitos, que todo
apunta a que son puntuais, e que agardamos que non se sigan a producir”.

No encontro con Acisa participaron o Brigada Comandante de Posto e un compoñente
de Seguridade Cidadá da Garda Civil de Ribadeo.