ACISA ORGANIZA O I DESFILE DE CHARANGAS O 14 DE XULLO
TRÁTASE DUNHA INICIATIVA NOVIDOSA NA COMARCA QUE PRETENDE ENCHER DE COLOR E SON AS RÚAS DE RIBADEO NA TARDE-NOITE DESA XORNADA
O son e o colorido do Entroido inundarán as rúas de Ribadeo o 14 de xullo. Acisa organiza o I Desfile de Charangas que se celebrará ese día a partires das 20:30 horas. Todas aquelas charangas da Mariña e do Occidente de Asturias que desexen participar nesta cita poden inscribirse ata o 30 de xuño ás doce da noite no correo info@acisaribadeo.es, vía whatsapp no 663 396 226 ou por teléfono chamando ao 982 120 565.
Descargar ficha de inscrición en formato PDF (120kb)
Descargar as bases en formato PDF (108kb)
As bases estarán colgadas tamén redes sociais de Acisa.
Todas as charangas participantes recibirán 200 euros en vales de compra (cada unha) para consumir nos locais asociados a Acisa Ribadeo e tamén un trofeo como recordo de ter participado nesta novidosa iniciativa.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “é unha novidade para a asociación e para Ribadeo. Agardamos que sexa un atractivo visual e económico para a vila, para o seu comercio e para a súa hostalería”.
Iriarte fai unha chamada “á participación das charangas da Mariña e do Occidente de Asturias para gozar dun desfile espectacular en pleno verán. Agardamos que teña éxito, que lles guste aos veciños e veciñas de Ribadeo e de toda a contorna e tamén a todas esas persoas que pasan as vacacións na vila e en toda esta zona”.
Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos subliñan que “non estamos diante dun concurso. Isto é un desfile solo para charangas, co que pretendemos encher de colorido as rúas de Ribadeo na tarde noite do 14 de xullo. Queremos animar tamén á xente á que lle apeteza a que aproveite para disfrazarse e vivir un auténtico carnaval de verán nos locais hostaleiros, nas prazas, nas rúas de Ribadeo. Pero insistimos en que o desfile solo é para charangas. Todas as participantes recibirán o mesmo premio, 200 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Acisa e unha figura como recordo de ter participado neste día. Estaremos no verán, agardamos que faga moi bo tempo e que as charangas poidan lucir en condicións os seus traxes”.
A presentación do I Desfile de Charangas tivo lugar na praciña de San Roque, a carón dos Cocos. No acto participaron o presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, o xerente, Jesús Pérez, e Carmen Cruzado, vogal da directiva.