
Acisa patrocina a I Andaina Ribadeo en Marcha contra o Cancro, que terá lugar o vindeiro 17 de maio. Esta actividade lúdico deportiva, que está organizada pola AECC, foi presentada hoxe na Sala de Exposicións do Parque de San Francisco.
No acto interviñeron o presidente da asociación provincial, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.
Cruzado Iglesias agradeceu “á AECC de Ribadeo e de Lugo a posibilidade de poder colaborar con esta causa, estamos moi contentos de poder facelo, xa que esta actividade axústase aos fins sociais da nosa asociación”. E animou ás veciñas e aos veciños de Ribadeo “a facer un oco nas súas axendas o vindeiro 17 de maio para participar nesta andaina, que partirá do Parque de San Francisco ás 11:00 da mañá”. A presidenta de Acisa fixo unha chamada á solidariedade “con esta causa, xa que calquera de nós pode ter que botar man dos servizos que presta a AECC, calquera de nos ten coñecidos ou familiares que padecen cancro ou calquera de nós pode ser afectado”.
As inscricións para acudir a esta andaina poderán realizarse de xeito presencial do 12 ao 16 de maio en horario de 12 a 14 horas no local do rastrillo da AECC, sito na rúa Viejo Pancho, nº 4, ou o mesmo 17 de maio na Sala de Exposicións do Parque de San Francisco (vella oficina de turismo).
A I Andaina Ribadeo en Marcha contra o Cancro está patrocinada por Solán de Cabras e Acisa e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e de Eroski Center.
As persoas que non poidan participar poden colaborar cun donativo, como inscrición solidaria, para a AECC. “Todo o que se recade irá destinado a seguir mellorando a vida das persoas con cancro e as súas familias e a impulsar a investigación oncolóxica, para conseguir un 70% de supervivencia no ano 2023”, explican desde a AECC en Lugo.