A.C.I.S.A. pecha a tempada de verán coas actividades infantís deste xoves, 6 de setembro, nas festas patronais

90
ACISA pecha a tempada de verán coas actividades infantís deste xoves, 6 de setembro, nas festas patronais

ACISA RIBADEO PECHA A TEMPADA DE VERÁN COAS ACTIVIDADES INFANTÍS DESTE XOVES, 6 DE SETEMBRO, NAS FESTAS PATRONAIS

A ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL TRABALLA NA PLANIFICACIÓN DE NOVAS CAMPAÑAS PARA POTENCIAR O COMERCIO E A HOSTALERÍA

Acisa Ribadeo remata a súa programación de verán este xoves, 6 de setembro, coas actividades infantís que se enmarcan dentro da programación das festas patronais da vila.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, anima “a veciños e visitantes a participar da semana grande das patronais de Ribadeo e a que todos disfruten das verbenas e das atraccións no recinto feiral. Ademais, nesta última semana de vacacións para moitos, invitamos a que saboreen a gastronomía dos nosos restaurantes e que gocen do bo servizo e do ocio en bares e pubs. Tamén que aproveiten os últimos descontos e os avances de tempada, que atoparán nas nosas tendas e que nalgún caso poden favorecer as compras para a volta ao cole”.

Acisa Ribadeo agradece á comisión de festas “o traballo que realiza, que é moi laborioso, e queremos darlles a noraboa porque Ribadeo siga tendo unhas grandes festas patronais. Ademais Acisa dá as grazas a comisión organizadora por permitirlle colaborar, dentro das posibilidades da asociación, cun evento tan importante para Ribadeo como son os festexos na honra de Santa María do Campo.
Iriarte manifestou que “tras a celebración das festas péchase un verán quizais non tan bo que se esperaba, xa que a meteoroloxía non axudou sobre todo en xullo, e o comercio e a hostalería notárono. Por iso desde Acisa facemos unha valoración prudentemente positiva porque, aínda que non temos cifras oficiais, contamos coas impresións dos nosos asociados. No mes de xullo axudounos a festa indiana para compensar o mal tempo, e agosto foi un pouco mellor tanto para o comercio como para a hostalería”
.

Pola súa banda, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembrou que “a asociación pecha un verán no que organizou máis de dez actividades propias, como o reparto de bolsas gratuítas para os socios, a distribución de vasos tamén gratuítos para a festa indiana, campañas como a Noite Cálida e Os prezos arden, o Mercado de Rúa ou o primeiro Desfile de Charangas, entre outras. Ademais colaboramos con máis de media ducia de entidades na organización de eventos que atraen clientes e serven para dar a coñecer Ribadeo, como son os torneos da SD Ribadeo, o Emma Cuervo, o Torneo de Veteranos e a Semana Náutica”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou que “a valoración do noso traballo interno cara aos asociados é positiva, posto que chegamos a máis zonas de Ribadeo do que se fixo nunca con distintas actividades, puidemos entregar unha cantidade significativa de material gratuíto aos nosos socios e medramos case en 25 asociados desde finais de maio, ademais de repartir máis 2.500 euros en premios de vales de compra só durante o verán. Como todo traballo por suposto pódese mellorar e traballamos para facelo”.

Iriarte anunciou que “agora xa estamos inmersos na programación do último trimestre do ano e esperamos que a volta ao cole e o comezo da nova tempada en setembro, se o tempo acompaña, poidan compensar este verán frouxo en vendas. Desde Acisa traballamos xa na programación das novas actividades publicitarias para dar a coñecer e potenciar Ribadeo, máis aló da nosa contorna, coa campaña de Domingueo en Ribadeo. Estamos perfilando tamén unhas xornadas gastronómicas e estamos centrados en crear unha campaña potente para este Nadal. Todo isto completámolo coas xestións que levamos a cabo diante coas distintas administracións para atender os intereses dos nosos asociados”.