ACISA presenta oficialmente a súa nova marca turística “Ribadeo Porta do Camiño Norte”

95

Acisa presenta de forma oficial a súa nova marca de promoción turística Ribadeo Porta do Camiño Norte coa que o colectivo pretende potenciar a vila como punto de partida e de paso do Camiño de Santiago e baixo a que prevé realizar diversas actuacións.

Francisco Iriarte, presidente de Acisa, explicou que “hoxe presentamos Ribadeo Porta do Camiño Norte, a nova marca turística rexistrada e propiedade de Acisa, coa que pretendemos levar a cabo diversas actividades para promocionar Ribadeo como vila destacada do paso do Camiño de Santiago. Quero agradecer ademais a compañía de Manuel Vicente, presidente da asociación Amigos do Camiño do Mar, xa que esta marca tamén ira moi ligada á promoción desta ruta, xa que Ribadeo é porta  de entrada do Camiño Norte, pero tamén é punto de partida e de regreso do Camiño do Mar”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliñou “a importancia que ten para Ribadeo poder dicir que polo noso municipio pasan dous Camiños. E polo tanto faremos tamén pedagoxía da importancia que isto ten para o comercio e para a hostalaría locais. Estamos a falar de que cando recuperemos o 100% da normalidade nas nosas vidas por Ribadeo poderán pasar miles e miles de peregrinos facendo o Camiño Norte, pero tamén comezarán aquí todos os que queiran facer o Camiño do Mar. Isto implicará pernoctas en hoteis e albergues, almorzos, comidas e ceas, compras no comercio local e promoción da nosa vila”.

Pérez Prada dixo que “cada peregrino que pase por Ribadeo facendo un camiño é un potencial camiñante facendo o outro e un potencial turista noutra época do ano, que poderá vir acompañado de familia e amigos, por iso debemos espremer ao máximo o noso potencial dentro do Camiño”.

Iriarte Quintana insistiu en que “graza as a esta marca propia de Acisa, que sacamos adiante en solitario, imos poder realizar diferentes actuacións, algunhas propias e outras en colaboración co Concello de Ribadeo. Se todo vai ben poderemos anunciar a finais de esta semana a primeira das iniciativas, que poñeremos en marcha o mesmo día, pero non será a única, xa que no que queda de ano editarase material promocional para dar a coñecer esta marca. E xa de cara ao vindeiro ano pretendemos facer o maior esforzo. Estamos a traballar en diferentes sistemas de promoción de Ribadeo como vila relevante do Camiño de Santiago, poñendo en valor os dous camiños que pasan por aquí, o do Norte e o do Mar. Agardamos obter axudas para poder sinalizar ambas rutas, editar guías e facer campañas de promoción turística”.

Presidente e xerente engaden que “tras a pandemia Acisa quere centrarse no Camiño de Santiago e sacarlle o máximo partido ao Ano Xacobeo. Para iso os próximos presupostos contemplarán unha boa partida de fondos propios da asociación e esperamos axudas das administracións coas que estamos a traballar. Como este ano xa o vai facer o Concello, porque no novo proxecto de renovación da imaxe comercial e turística da vila podemos adiantar que se incluirá esta marca así como nos materiais que se entregarán este Nadal, grazas ao convenio do Concello. Este Ano Xacobeo pode ter unha repercusión económica moi importante na nosa localidade e nos temos que ter todo disposto para que sexa así”.