ACISA presenta un novo vídeo promocional dentro da campaña Ribadeo Seguro

199

ACISA PRESENTA UN NOVO VÍDEO PROMOCIONAL DENTRO DA CAMPAÑA RIBADEO SEGURO.

A INICIATIVA SALIENTA A CALIDADE E SEGURIDADE DOS ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS, DE HOSTALERÍA E DE SERVIZOS.

Acisa presentou un novo vídeo promocional, dentro da campaña Ribadeo Seguro, no que salienta a calidade e seguridade dos establecementos asociados. A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, pretende ademais axudar á promoción turística do concello no que resta de ano, apostando deste xeito pola desestacionalización.

O xerente da patronal ribadense, Jesús Pérez, declarou que “este novo vídeo amósalle á cidadanía a calidade dos nosos establecementos, así como o cumprimento estrito das normas, e fai un chamamento á confianza dos nosos clientes. É moi importante, agora que remata a tempada alta de turismo en Ribadeo, que desde Acisa teñamos dúas liñas de actuación neste senso. Por un lado, potenciar o turismo desestacionalizado, o de setembro e outubro, que ademais en Ribadeo sempre tivo unha grande presenza. E en segundo lugar, e quizais máis importante aínda, afianzar a confianza dos nosos veciños e veciñas nas súas tendas e bares de sempre. Unha vez que hai menos turismo e que os bares teñen máis capacidade, debemos dicirlles aos nosos veciños que os seus bares, os de toda a vida, os de todos os días, son seguros e que lles esperan para servirlles o café pola mañá ou a cervexa polas tardes. E que para xantar ou cear poden facelo con total confianza nestes establecementos, nos que tamén ofrecen a posibilidade de levar para a casa as súas preparacións”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinalou que “o vídeo está editado en tres idiomas: castelán, galego e inglés, para que nos sirva de promoción nun ámbito moito maior ao habitual. Quero agradecer o apoio da Xunta de Galicia nesta iniciativa que xa comezou hai semanas, poñendo en marcha o selo Ribadeo Seguro, xunto co certificado de establecemento de confianza, as guías de cada sector, e múltiples materiais de información para veciñanza e turistas. A partir de agora será a nosa prioridade dicirlles aos nosos veciños e veciñas que é seguro ir a un bar ou a unha tenda de Ribadeo, e darlles motivos para facelo”.

Pérez e Iriarte subliñaron que “se sempre é importante o apoio aos negocios locais, neste ano atípico que estamos a vivir aínda o é moito máis. Pasamos moitos meses de peches, en estado de alarma, de confinamentos parciais tamén, foron meses moi duros para o comercio e á hostalería local e agora máis que nunca temos que apostar polo noso e polos nosos, sempre con sentidiño, con mascarilla, con moita hixiene de mans e respectando todas as normas en vigor en cada momento”.