ACISA recibiu a resolución da axuda ao CCA de Ribadeo que convoca anualmente a Xunta para as actividades de dinamización dos Centros Comerciais Abertos da comunidade autónoma

16

ACISA RIBADEO RECIBIRÁ 40.005 EUROS DA XUNTA DE GALICIA PARA ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DO CENTRO COMERCIAL ABERTO.

O XERENTE DA ASOCIACIÓN VALORA DE XEITO MOI POSITIVO A CONCESIÓN DESTA AXUDA.

ACISA recibiu a resolución da axuda ao CCA de Ribadeo que convoca anualmente a Xunta para as actividades de dinamización dos Centros Comerciais Abertos da comunidade autónoma. O CCA ribadense conta con máis de 90 establecementos comerciais, que forman parte dos 165 socios que integran ACISA.

No día de hoxe foi resolta a subvención pola que ACISA obtén 40.005 euros, que é o importe máximo que pode recibir un Centro Comercial Aberto, grazas á exitosa implantación que o CCA ten en Ribadeo a través da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizo e Autónomos.

O xerente de ACISA, Jesús Pérez, declarou que “estamos moi satisfeitos porque, un ano máis, obtivemos a máxima subvención á que podemos optar por parte da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Para ACISA e o CCA de Ribadeo esta cantidade de 40.005 euros, que a Xunta nos concede en forma de subvención, é esencial para o noso funcionamento”.

Pérez explicou que “esta axuda supón máis do 30% do presuposto anual de ACISA e con ela facemos fronte a gastos moi importantes, como son os da xerencia e oficina, a xestión da nosa páxina web, a sinalización comercial dos establecementos asociados, e por suposto as campañas de dinamización comercial e fidelización. Sen dúbida trátase da parte máis importante da nosa actividade. Nestes dous apartados inclúense os gastos das campañas propias de ACISA, que se presentan nesta subvención, como é o Black Friday, o día dos namorados, o día do pai, o día da nai, as rebaixas de inverno e verán, a campaña de concienciación realizada o pasado mes de decembro, o obradoiro do comercio local para os máis pequenos da casa e a campaña ACISA Quérete. Ademais esta contía tamén nos permite realizar a campaña de Nadal, que a parte do árbore que instalamos e de toda a programación de actividades que houbo este pasado ano no período navideño, inclúe a colaboración de ACISA na pista de xeo e parte da nosa colaboración co Ribadeo Indiano, campañas que levamos a cabo xunto ao Concello ribadense”.

O xerente de ACISA subliñou que “desde a asociación estamos moi satisfeitos co traballo que se realiza a través das axudas da Xunta de Galicia, e non debemos esquecer que ademais desta importante axuda de 40.005 euros que nos chega anualmente a través do CCA, a administración autonómica ven colaborando con nós sempre que o solicitamos, e como exemplos podemos mencionar as 15.000 bolsas que se repartiron de forma gratuíta neste pasado Nadal entre os comercios asociados ou as ampliacións dos horarios de hostalería tamén para os nosos socios”.

Jesús Pérez engadiu que “só grazas a estas axudas podemos seguir medrando e traballando polo comercio local. Estes investimentos que se dirixen a dinamizar o comercio de Ribadeo son esenciais para poder celebrar sorteos e campañas de descontos, entre outras iniciativas, de xeito que sigamos facendo atractivo o comercio ribadense. Ademais con outras axudas do Concello, que se destinan a diversas actividades, e as cotas dos asociados, ACISA pretende facer un constante traballo en beneficio dos seus socios. Este ano, cando pechemos o calendario en decembro, teremos feitas en torno a 25 actividades propias, máis de 10 colaboracións e repartido máis de 7.000 euros en premios. Debemos seguir traballando intensamente para afianzar o comercio de Ribadeo, e para elo estas axudas e colaboracións da Xunta de Galicia e doutras administración son vitais para nós”.