ACISA recibiu a visita do director xeral de Comercio da Xunta, Manuel Heredia

110

O director xeral de Comercio da Xunta, Manuel Heredia, visitou as instalacións da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, onde mantivo un encontro coa presidenta e co xerente do colectivo empresarial, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

Manuel Heredia informou a Acisa sobre a marcha do Bono Activa Comercio da Xunta, campaña á que a día de hoxe hai preto de corenta negocios locais adheridos, dos que a maioría son socios da asociación ribadense. O director xeral de Comercio animou a clientes e comercios a aproveitar esta nova edición do Bono Comercio.

O director xeral de Comercio cursou despois visita a tres tendas: Ginzo Hombre-Mujer, La Coqueta e For Friends para coñecer de preto o seu funcionamento e a acollida que está a ter o Bono Comercio da Xunta.

Desde Acisa agradeceron a visita de Manuel Heredia e o apoio da Dirección Xeral de Comercio ao colectivo empresarial ribadense: “agradecemos que contaran con Acisa Ribadeo para presentar o Bono Activa Comercio na comarca da Mariña”.

Éxito das xornadas Asturias en Ribadeo

Desde Acisa valoran de xeito moi positivo as xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se celebraron a pasada fin de semana. Carmen Cruzado comentou que “desde os locais
participantes indícannos que esta quinta edición das xornadas foi un éxito. O ambiente foi
espectacular tanto as noites do venres e do sábado como os mediodías do sábado e do
domingo”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou: “foron tres días de exaltación gastronómica para
render homenaxe a Asturias, ás súas xentes e aos seus produtos. En varios locais esgotaron as existencias e noutros non deron abasto para atender a toda a clientela. Foi todo un acerto por parte da nova directiva recuperar esta actividade, que esperamos en próximas edicións poder facer cun formato mais completo”.