Acisa reparte 15.000 bolsas entre o comercio asociado para a campaña de Nadal

92

ACISA REPARTE 15.000 BOLSAS ENTRE O COMERCIO ASOCIADO PARA A CAMPAÑA DE NADAL. SON BIODEGRADABLES E DUN ÚNICO TAMAÑO.

Acisa reparte 15.000 bolsas entre os seus comercios asociados para a campaña de Nadal. Son biodegradables e dun único tamaño. As bolsas foron presentadas polo presidente de Acisa, Francisco Iriarte, e polo concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, que estiveron acompañados polo xerente de Acisa, Jesús Pérez, e por Manoli Torviso e Mª Antonia López, tesoureira e secretaria respectivamente do colectivo empresarial.

Iriarte explicou que “co obxectivo de seguir axudando aos asociados e asociadas, ademais de facer campañas de dinamización, sorteos, etc… tamén queremos axudarlles a aforrar custes na medida das nosas posibilidades. Po ese motivo e ao igual que xa fixemos noutras ocasións para este Nadal repartimos 15.000 novas bolsas de Acisa”.

Pérez engadiu que “nesta ocasión son bolsas dun único tamaño e seguindo as normas de sostibilidade e respecto polo medio ambiente, como non podía ser doutro xeito, son biodegradables”.

A entrega das bolsas por parte de Acisa conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, xa que se enmarca dentro do convenio de colaboración asinado por ambas partes.

IX Festa do Comercio

Acisa daba comezo onte á súa campaña de Nadal que culminará o 11 de xaneiro coa IX Festa do Comercio na que se sortearán 4.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados. Os clientes do comercio e da hostalería poderán facerse coas rifas desde xa e ata o mesmo día do sorteo. En total vanse distribuír 200.000 rifas entre os asociados e asociadas. Colaboran na organización desta campaña xunto a ACISA: Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia.