Acisa repartiu esta noite na IX Festa do Comercio 4.000 euros en vales de compra

152

TRES VECIÑAS DE RIBADEO FORON AS GAÑADORAS DOS PREMIOS PRESENCIAIS QUE SE SORTEARON NA IX FESTA DO COMERCIO DE ACISA.

MILLEIROS DE PERSOAS ABARROTARON A CARPA E O PARQUE DE SAN FRANCISCO PARA ASISTIR A ESTA CITA.

Acisa repartiu esta noite na IX Festa do Comercio 4.000 euros en vales de compra, que as afortunadas poderán gastar na hostalería e no comercio asociados ao longo dos dous vindeiros meses.

Desde o pasado 1 de decembro Acisa repartiu 200.000 papeletas entre os clientes do comercio e da hostalería asociados. Milleiros de persoas encheron nesta xélida noite a carpa e os arredores do parque de San Francisco. Tres pantallas xigantes e varios altavoces permitiron que todo o público puidese seguir con comodidade, tanto no interior como no exterior, a IX Festa do Comercio da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, que tamén se retransmitiu en directo a través de facebook.

O primeiro premio foi o denominado como non presencial, que se coñeceu mediante un programa informático, e que lle correspondeu ao número 77.801. O posuidor ou posuidora desta papeleta dispón ata o día 17 de xaneiro para presentarse nas oficinas de Acisa Ribadeo e así cobrar o premio. De non presentarse considerarase deserto.

As outras tres papeletas foron extraídas polas mans inocentes de tres nenas: Mar, Antía e Catalina, que levaron un agasallo de 50 euros en vales de compra de Acisa para gastar nos establecementos asociados.

O premio de 500 euros en vales de compra foi para o número 150.928 e correspondeulle a Ana María de la Cuétara González; o premio de 1.000 euros foi para o 35.774 e levouno Mª Teresa López García; e os 2.000 euros en vales de compra foron para o número 2.815. A gañadora foi Mari Carmen Río Ríos. Os premios fóronlles entregados polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, polo presidente e polo vicepresidente de Acisa, Francisco Iriarte e Juan Andina, respectivamente. As tres afortunadas son veciñas de Ribadeo.

As papeletas afortunadas foron entregadas en Farfala, en La Moda e en Bis a Bis.

Durante a IX Festa do Comercio de Acisa interviñeron o presidente da asociación, Francisco Iriarte, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez. Varios directivos de Acisa, así como o concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, e as concelleiras Marta Rey e Elena Sierra, asistiron ao sorteo celebrado esta noite na carpa instalada no parque de San Francisco, que foi conducido pola xornalista Carmen Cruzado e polo xerente de Acisa, Jesús Pérez.