ACISA repartiu na XII Festa do Comercio 4.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados.

119

Acisa sorteou na XII Festa do Comercio 4.000 euros en vales de compra, que as afortunadas
poderán gastar na hostalería e no comercio asociados ao longo dos vindeiros dous meses,
é dicir ata o 14 de marzo.

Desde o pasado 15 de decembro Acisa repartiu 150.000 papeletas entre os clientes dos
locais asociados. Máis do 80% foron introducidas na urna instalada na carpa situada no
parque de San Francisco e na que se celebrou o sorteo esta noite.

O premio non presencial foi para o número 90.316. A persoa posuidora desta papeleta
disporá de 15 días, ata o 27 de xaneiro, para poder reclamalo na oficina da Asociación
de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.

O premio de 2.000 euros en vales de compra foi para Cruz Fernández, de Ribadeo, aínda
que o recolleu unha amiga súa Elena López.

O premio de 1.000 euros foi para Rocío López, da parroquia ribadense de Viaframil.

O premio de 500 euros correspondeulle a Carmen Cuétara, de Ribadeo.

E o premio de 250 euros foi para Basilisa Fernández, de Ribadeo.
As papeletas afortunadas foron entregadas nos seguintes establecementos: Costa
Verde, Capturas Pesca, Farmacia Pedro Díaz e Coco. Actuaron como mans inocentes
Gabriel, Palina, Ruslan, Laura, Lidia e Carla.

Os premios foron entregados por directivos de Acisa como Manoli Torviso (tesoureira),
e Carmen Cruzado (presidenta) e polo xerente, Jesús Pérez, aos que acompañaron o
concelleiro de Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, e o alcalde de Ribadeo, Fernando
Suárez.

A Batukada da charanga A Choca percorreu durante a tarde as rúas de Ribadeo “co
obxectivo de animar á xente a acudir á XII Festa do Comercio de Acisa”.

Desde Acisa calculan que arredor de 3.000 persoas seguiron este sorteo en directo tanto
desde o interior da carpa como desde o exterior, en pleno parque de San Francisco. E
tiveron palabras de agradecemento para “os traballadores do Concello de Ribadeo polo
esforzo realizado para que o sorteo se puidese celebrar, a El Farero Audiovisuales, a
empresa encarga da montaxe de imaxe e son desta XII Festa do Comercio e a Susana
Álvarez, a presentadora do evento”.