ACISA Ribadeo amosa o seu apoio e respalda a convocatoria da manifestación que terá lugar mañá, 17 de outubro, en Viveiro por un futuro para A Mariña

15

ACISA Ribadeo respalda a manifestación prevista para mañá, 17 de outubro, en Viveiro tras poñerse en contacto coa entidade os representantes dos sindicatos mais representativos da comarca (CCOO, CIG e UXT).

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte indicou que “A Mariña está a pasar por momentos duros e polo tanto é preciso que todos esteamos unidos cando a pouca industria da comarca está a ser desmantelada e o futuro de moitas familias en xogo. Dende Acisa non podemos nin queremos estar alleos a esta situación. Alguén pode pensar que isto nos queda lonxe, pero non é así. O noso comercio, a nosa hostalaría e os nosos servizos viven durante o ano dos veciños e das veciñas de Ribadeo e tamén dos da nosa comarca. O turismo é moi importante, pero iso dura uns meses e o resto do ano é moi longo e duro”.

O xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, dixo que “esta comarca leva anos abandonada polas principais administracións e a actual situación que estamos a vivir é boa mostra de iso. A Mariña necesita dun proxecto de renovación, que pase pola reindustralizacion, pola mellora das comunicacións, a mellora dos servizos públicos… que xere postos de traballo e fixe poboación. Non podemos depender exclusivamente do turismo, debemos abrir mais o abanico de actividades económicas. Isto non se fai dun día para outro por iso as administracións deben poñerse a traballar de inmediato, sobre todo as que teñen competencias na materia que nos ocupa”.

Pérez Prada sinalou que “un exemplo claro é Ribadeo, un concello que ten un potente sector comercial, hostaleiro e de servizos, pero moi pouca ou escasa actividade industrial, de aí que moitos veciños traballen en Alcoa, en Gondán, en Ence… pero consumen e compran na nosa vila, e grazas a iso sobrevive Ribadeo no inverno”.

Iriarte Quintana engadiu que “por todo isto e a tenor dos acontecementos que están a suceder na nosa comarca como o peche de Vestas e a situación de Alcoa, Acisa Ribadeo únese a esta reivindicación, para darlle un impulso de futuro á Mariña. Apoiamos a  manifestación deste domingo, 17 de outubro, ás 12:00 horas en defensa da nosa comarca e para demandar melloras na industria, nas infraestruturas e na sanidade”.

Acisa enviou aos seus asociados e asociadas un comunicado para que o que queira e poida acuda a esa mobilización “ou para que o que queira e poida teña algún xesto desde o seu negocio, aínda que solo sexa poñer un cartel en apoio ou o que cada quen considere”.

O xerente de Acisa comentou que “agora as administracións, especialmente a autonómica, teñen a oportunidade de demostrar con feitos o seu apoio a esta comarca co proxecto de instalación de Altri, onde se prevé xerar 1.000 postos de traballo directos e moitos máis indirectos. Dende Acisa Ribadeo creemos que esta é unha oportunidade para Ribadeo, pola súa posición xeográfica privilexiada, con boas conexións por estrada, ferroviarias e marítimas e cun bo solo industrial. Está ben pedirlle ao Concello que faga todo o posible por atraer a empresa, pero a quen hai que demandarllo e á Xunta de Galicia, que é quen ten mais as competencias para facelo e así llo pedimos nosoutros”.