
Acisa Ribadeo ven de presentar unha nova acción
formativa pensada para mellorar a competitividade e a imaxe do comercio local. Trátase
de cursos gratuítos de empaquetado e escaparatismo, que terán lugar en setembro e
outubro.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anunciou que “baixo o lema Fórmate con Acisa,
a asociación organizará durante os meses de setembro e outubro dous cursos gratuítos
dirixidos a persoas empresarias e traballadoras dos negocios asociados, centrados no
empaquetado e no escaparatismo”. E subliñou que “desde a asociación apostamos pola
formación como ferramenta esencial para a mellora do comercio local. Pequenos
detalles como un bo empaquetado ou un escaparate atractivo poden marcar a diferenza
á hora de atraer e fidelizar á clientela. Queremos un Ribadeo con tendas vivas, coidadas
e profesionais para seguir sendo un referente en toda a contorna”.
O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, explicou que “as sesións
desenvolveranse na aula da Casa da Cultura de Ribadeo, situada na rúa Viejo Pancho, en
horario de tarde de 18:00 a 20:30 horas. O curso de empaquetado contará con dúas
clases, que terán lugar os luns 22 de setembro e 6 de outubro. E o curso de
escaparatismo será impartido en tres sesións os luns 15 e 29 de setembro e o 13 de
outubro”.
Na mesma liña destacOU que “o comercio de proximidade está en continua evolución e
dende Acisa queremos acompañar aos nosos socios tamén no seu proceso de
formación. Estas clases prácticas están pensadas para dar ideas aplicables de forma
inmediata, que melloren a experiencia de compra e o atractivo dos locais. A inscrición
para participar nestes cursos será gratuíta e deberá formalizarse antes do 5 de
setembro enviando un correo electrónico a info@acisaribadeo.es. As persoas
interesadas deberán indicar no correo o nome do establecemento asociado, así como o
nome e DNI das persoas asistentes, un correo electrónico e un teléfono de contacto
Poden participar destes cursos, tanto empresarios coma empregados de empresas
asociadas a Acisa”.
Cruzado Iglesias anima a participar na nova oferta formativa de Acisa: “desde Acisa
animamos a todo o tecido comercial asociado da vila a participar activamente nesta
iniciativa, que busca reforzar a profesionalización do sector e mellorar a imaxe do
comercio de Ribadeo de cara tanto á veciñanza, á clientela habitual como aos milleiros
de turistas que esta vila recibe ano tras ano. A formación continua é unha das apostas
estratéxicas da nosa entidade para garantir un futuro sólido, moderno e atractivo para o
comercio local”.
















