
Acisa Ribadeo celebrará, tras a pandemia, a súa X Gala
Anual, na que conmemorará o seu 35 aniversario e na que se entregarán varios
galardóns: ao relevo xeracional, a negocios emblemáticos e á ribadense do ano.
Carmen Cruzado, presidente de Acisa, explicou que “na asemblea ordinaria, que
tivemos onte, anunciamos a intención desta directiva de volver celebrar a Gala Anual de
Acisa Ribadeo. Consideramos importante esta cita, xa que neste ano conmemorase o 35
aniversario da nosa entidade. Polo tanto, podemos xa anunciar oficialmente a
celebración da X Gala de Acisa Ribadeo – 35º Aniversario. Despois de 4 anos sen
xuntarnos por mor da pandemia, coa súa recuperación pretendemos reafirmar o noso
compromiso coas nosas asociadas e asociados, os lazos empresariais, así como o
intercambio de opinións, experiencias… por elo animamos a todo empresariado
asociado e tamén ao non asociado a que poidan asistir. A X Gala Anual de Acisa Ribadeo
– 35º Aniversario, celebrarase o domingo 28 de abril no Parador de Turismo ás 21:00
horas. O prezo da entrada será de 35 euros, e as entradas poderán adquirise a partir do
1 de abril nas nosas oficinas situadas na rúa San Roque 57 – baixo, a través do telefono
663 39 62 26 ou e-mail info@acisaribadeo.es ”
Cruzado Iglesias anunciou que “nesta X Gala de Acisa Ribadeo – 35º Aniversario, esta
directiva tamén decidiu recuperar a entrega dos nosos galardóns en tres categorías. En
primeiro lugar, nunha nova creada este ano, entregaremos o galardón en
recoñecemento ao relevo xeracional a María Antonia López Lens e María Gamallo
López. Son nai e filla, primeira e segunda propietarias de Xeito Decoración e Sargadelos
Ribadeo, establecementos que seguen abertos grazas ao relevo xeracional familiar. En
segundo lugar acordamos conceder o galardón ao recoñecemento como negocios
emblemáticos de Ribadeo, Pastelaría La Candelaria e Panaderia La Plaza, en
recoñecemento pola súa traxectoria como locais que fixeron historia en Ribadeo.
Ambos pecharon as súas portas recentemente. E por último, concederemos o galardón
ou premio como ribadense do ano, a Vicky Álvarez Lebredo, pola seu amor por Ribadeo,
pola súa implicación no traballo e nas actividades organizadas por Acisa, así como pola
súa implicación e participación nas accións desenvolvidas pola AECC ou en citas como o
Entroido ribadense”.
Carmen Cruzado subliñou que “en Ribadeo hai máis negocios emblemáticos, hai máis
relevo xeracional e hai máis persoas que poderían ser as ribadenses do ano. Neste 2024
eliximos estas e en vindeiras edicións serán outras as receptoras destes galardóns de
Acisa. Tal e como comentamos na asemblea de onte estamos orgullosos nesta directiva
de ver o relevo xeracional que está habendo en moitos negocios en Ribadeo en sectores
como o da mercería, da panadería, de hoteis e restaurantes, de calzado ou de
gasolineira, por poñer so uns exemplos”.
Contas, presuposto de 2024 e outros asuntos
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “tamén tratamos outros importantes
asuntos. Foron aprobadas por unanimidade as contas anuais do exercicio 2023, cuns
ingresos de 129.829,38 euros provenientes das cotas, subvencións tanto da Xunta de
Galicia, do Concello de Ribadeo e da Deputación de Lugo; e uns gastos de 127.687,38
euros; dos que investimos 64.691,52 euros en actividades e materiais para socios,
4.749,25 euros en colaboracións, 4.461 euros en vales de compra e o resto do
presuposto no mantemento estrutural de Acisa. Estes gastos e ingresos apórtannos un
remanente positivo para o 2024 de 2.142 euros. As contas foron aprobadas por
unanimidade.”
Pérez Prada continúa: “fixemos tamén un pequeno análise do estado da asociación, que
a 31 de decembro de 2023 contaba con 168 socios, tras a alta de 31 novos negocios,
realizamos 41 actividades, colaboramos con 7 entidades, temos activos 12 convenios
vantaxosos para socias e socios, aumentamos os patrocinios chegando a mais de 6.600
euros, que nos axudan a cofinanciar as nosas actividades, xeramos en torno a 1.000
impresións en prensa, obtivemos mais de 1,5 millóns de visitas as nosas redes e web, e
repartimos un total de 80.000 unidades de diferentes materiais gratuítos”.
O xerente de Acisa engadiu que “tamén se fixo un pequeno balance comparativo da
evolución da entidade nos últimos anos. No ano 2014 realizábanse 14 actividades e no
2023 fixemos 41 triplicando así o numero de actividades. En relación ao numero de
socios, pasouse de 130 socios no 2014 a 168 en 2023, o que supón un aumento de preto
dun 30%. Hai dez anos Acisa contaba con 3 convenios activos e na actualidade ten 12,
cuadriplicando a oferta. En 2016 non se entregaba ningún material gratuíto aos socios e
no 2023 entregáronse 80.000, facendo ademais un acumulado neste período de
200.000 unidades de diferentes materiais gratuítos entregados. Tamén se aumentou o
financiamento da nosa entidade, pasando de 0 patrocinios no ano 2017 a 5 patrocinios
privados por importe de mais 6.600 euros. E no relativo á saúde financeira da entidade,
pasamos de ter no ano 2016 uns ingresos de 102.000 euros a 127.000 euros no ano
2023, representando un aumento de preto do 25 %. Destacar tamén que somos capaces
de aumentar a nosa oferta de actividades, de materias e servizos practicamente co
mesmo gasto que se realizaba en 2016. No tocante ao resultado do exercicio
rematamos o 2023 con 2.142 euros de remanente positivo, confirmando a senda de
saneamento das contas. Estas cifras non son cousa dun día, veñen dun traballo de anos,
no que se foi progresivamente crecendo en socios, servizos, actividades, e no que se foi
xestionando mellor o presuposto. Os datos constatan o bo traballo do pasado e do
presente”.
A presidenta de Acisa engadiu que “tamén foi aprobado por unanimidade o presuposto
do ano 2024, que se cifra en 136.722 euros. No tocante aos ingresos prevé contar coas
mesmas axudas publicas que no pasado ano e aumentar tanto os ingresos por cotas
como especialmente os patrocinios privados, aspecto este no que traballamos con
moito fincapé, xa que nos permite realizar un maior numero de actividades. E no
tocante os gastos, prevese un aumento no gasto en campañas propias, na contía das
colaboracións con outras entidades e eventos, xa que a lo menos colaboraremos con 3
novas entidades, e tamén aumentaremos especialmente a partida de premios en vales
de compra chegando case a repartir neste ano 2024 preto de 8.000 euros en diferentes
campañas”.
Desde a directiva de Acisa apuntan que “na asemblea informouse tamén demos conta
das actividades previstas para o ano 2024, especialmente aquelas nas que xa se está a
traballar de cara aos próximos meses, así como do informe de días festivos e domingos
de apertura e tamén das ampliacións horarias de hostalería. A formación estará moi
presente ao longo dos vindeiros meses en Acisa. Xa podemos adiantar que en abril hai
previsto un curso de repostería, así como outros relativos ás redes sociais. E en
traballamos tamén na organización dunhas novas xornadas gastronómicas para o mes
de maio. Como sempre facemos desde Acisa, puxemos a disposición dos socios nesta
cita toda a documentación á súa disposición a través dun informe, que por suposto
poden consultar en calquera momento nas nosas oficinas”.