
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo celebrará o vindeiro 26 de febreiro a súa Asemblea Xeral Ordinaria, tal e como acordou a xunta directiva na súa última reunión, celebrada o pasado mes de xaneiro.
Segundo indicou o xerente de ACISA Ribadeo, Jesús Pérez, “no día de hoxe vimos de notificar aos nosos socios e socias a convocatoria da Asemblea Xeral ordinaria correspondente ao ano 2026. A cita terá lugar no Cine Teatro, de Ribadeo, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e ás 20:15 horas en segunda. A orde do día será a seguinte: 1. Lectura e aprobación, se procede, das actas das asembleas anteriores: 18 de febreiro de 2025 (asemblea ordinaria) e 19 de setembro de 2025 (asemblea extraordinaria); 2. Exame e aprobación, se procede, da conta xeral de ingresos e gastos do exercicio 2025; 3. Estado da asociación: análise e valoración das actividades realizadas no ano 2025; 4. Informe e aprobación, se procede, do orzamento ordinario para o ano 2026 e do calendario de actividades; 5. Informe sobre os días festivos e domingos de apertura comercial, así como as ampliacións horarias da hostalería en 2026; 6. Proposta de unificación das aperturas e peches comerciais; 7. Resultados das enquisas aos asociados; e 8. Rogos e preguntas”.
Pola súa banda, a presidenta de ACISA, Carmen Cruzado, sinalou que “todos os socios e socias recibiron hoxe a orde do día, así como o informe completo no que se detalla todo o contido da reunión. Quero lembrar a importancia de asistir a esta asemblea, non só para coñecer a xestión realizada o ano pasado, senón tamén para estar ao tanto das novidades deste 2026 e sobre todo porque se trata do foro no que os socios e socias poden expresar a súa opinión e achegar ideas e suxestións”.
E subliña a relevancia desta convocatoria: “cobra especial importancia a asistencia a esta asemblea, xa que este ano presentamos unha proposta de unificación do calendario comercial, co obxectivo de acordar de maneira conxunta os días de apertura e peche permitidos pola lei. Isto permitiríanos promocionar mellor esas datas e evitar as dúbidas recorrentes que xorden entre os asociados e asociadas todos os anos. Deste xeito, os negocios de Ribadeo terán unha referencia clara do que fará a maioría do comercio en cada data e de como se van promocionar esas aperturas para que a clientela habitual e a que nos visita estean debidamente informadas e poida aproveitar para gozar dos negocios locais”.
O xerente de Acisa aludiu tamén outro punto destacado da orde do día: “analizaranse os resultados do programa de enquisas enviadas aos asociados e asociadas, posto en marcha nestas datas para coñecer mellor a súa opinión sobre o traballo e as accións públicas que Acisa ven desenvolvendo e defendendo. Estas enquisas permítennos saber se imos polo bo camiño”.
A directiva de Acisa fai unha chamada á participación na Asemblea Xeral Ordinaria que terá lugar o 26 de febreiro.

















