Acisa Ribadeo convoca aos seus socios á asemblea xeral ordinaria que se celebrará o 30 de xaneiro

68
A.C.I.S.A. Ribadeo

ACISA RIBADEO CONVOCA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA PARA O DÍA 30 DE XANEIRO.

ACTIVADES FEITAS E PROGRAMADAS, PRESUPOSTO E CONTAS SON ALGÚNS DOS PUNTOS DA ORDE DO DÍA. NA CITA TAMÉN SE ABORDARÁN CUESTIÓNS COMO A POLÍTICA DE DEVOLUCIÓNS E A PROMOCIÓN E FOMENTO DOS BARRIOS MARIÑEIROS.

Acisa Ribadeo convoca aos seus socios á asemblea xeral ordinaria que se celebrará o 30 de xaneiro. Terá lugar no salón de actos da antiga casa sindical, na Avenida de Galicia 20-baixo, ás 20:30 horas.

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, declarou que “tras o sorteo da IX Festa do Comercio, que para nosoutros é o peche do ano, tal e como marcan os nosos estatutos, acabamos de convocar a todos os socios e socias á celebración da asemblea xeral, o máximo órgano da nosa asociación, onde se valora o traballo realizado e planifícase o previsto para o novo ano”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, sinalou que “a orde do día consta de once puntos e os cinco primeiros son a lectura da acta da última sesión, a aprobación das contas do exercicio 2019, a valoración de actividades do pasado ano e as propostas para o 2020, a aprobación do presuposto para 2020 e o informe do calendario comercial e dos horarios de hostalería. Como ven sendo habitual tamén se informará da celebración da gala anual de Acisa”.

Pérez adiantou que “tamén se someterán a debate dúas novas propostas para este ano sobre as políticas de devolución de artigos e a promoción e fomento dos barrios mariñeiros. Son dúas propostas novidosas que o presidente quere presentar aos socios e someter a debate. No caso dos barrios mariñeiros, podemos adiantar que é un proxecto no que estamos traballando e que tratará de potenciar o conxunto de Rinlo e o porto deportivo como referentes gastronómicos, así como a súa beleza, sendo visita indispensable para os turistas que ano tras ano se achegan a Ribadeo”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, explicou que “a proposta sobre as devolucións de artigos converteranos en referente probablemente en toda Galicia e trata de equipararnos e competir en igualdade de condicións coas grandes superficies e o comercio online. A proposta é que os comercios devolvan o diñeiro en efectivo aos seus clientes cando fagan unha devolución”.

Pérez engadiu que “somos conscientes de que é un tema que pode xerar diferenza de opinións entre os socios, de aí que decidimos presentalo como proposta a someter a debate e votación. Na asemblea explicaremos detidamente como queremos levar adiante esta iniciativa. Este ano ademais incluímos un punto na orde do día para abordar especificamente as axudas ás diferentes asociación ou entidades de Ribadeo, comisións de festas e clubs, co fin de que quede perfectamente definida a liña de traballo para todo o ano”.

Iriarte anunciou que “tal e como mandan os estatutos vanse convocar eleccións para renovar a xunta directiva, na asemblea daremos conta do proceso e das datas. Creo que é moi importante que asistan todos os socios á asemblea anual, aí é onde poden propoñer o que desexen así como dar a súa opinión do traballo feito. Ademais este ano vanse tratar temas importantes polo que, desde hoxe, a presidencia de Acisa está á súa disposición para recibir todos os asuntos que se queiran abordar nesta asemblea, e incluílos na orde do día”.