ACISA Ribadeo e Gestión Gratelu renovaron o seu convenio de colaboración

25

Acisa Ribadeo e Gestión Gratelu renovaron o seu convenio de colaboración.

A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado Iglesias, tivo palabras de agradecemento: “desde Acisa queremos agradecerlle a Pablo Posada e a Gestión Gratelu o seu apoio económico, xa que estarán presentes como entidade colaboradora en 2027 na Festa do Comercio, na Gala de Acisa e no sorteo do Ribadeo Indiano. A sinatura deste terceiro convenio con Gestión Gratelu é para nós moi importante.

Seguiremos traballando, como vimos facendo ata o de agora, para conseguir que a empresa privada nos brinde a súa colaboración nos grandes eventos organizados pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo”. Pablo Posada declarou que “a sinatura deste terceiro convenio con Acisa Ribadeo confirma o noso respaldo ao importante e dinámico traballo que este colectivo empresarial realiza ao longo de todo o ano co obxectivo de contribuír á dinamización económica da vila e dos seus negocios”.

Jesús Pérez, xerente de Acisa, lembrou que “as asociacións, como Acisa, nutrímonos das cotas das nosas asociadas e asociados e das subvencións que recibimos de administracións como a Deputación de Lugo, a través da súa Vicepresidencia, a Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo. Somos un colectivo moi activo e se queremos seguir organizando actividades importantes precisamos de máis recursos económicos. Por iso levamos xa un tempo chamando ás portas da iniciativa privada”.

Carmen Cruzado subliñou: “parécenos moi importante e positivo que as empresas se decidan a colaborar economicamente connosco. Iso queredicir que as actividades que organizamos desde Acisa resultan atractivas para o conxunto da cidadanía e do colectivo empresarial. Agardamos que máis firmas de Ribadeo se sumen á gran familia que é Acisa”.

No acto participaron Pablo Posada, administrador de Gestión Gratelu, e Carmen Cruzado, presidenta do colectivo empresarial ribadense. Tamén estivo presente o xerente de Acisa, Jesús Pérez.

Trick or Treat
Acisa Ribadeo e Kids&Us organizan o 31 de outubro unha nova edición da actividade infantil denominada Trick or Treat, que se desenvolverá por diferentes establecementos asociados ao colectivo empresarial.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, comentou que “con motivo da celebración do Día do Comercio Local, o 25 de outubro, Acisa quere poñer en valor a importancia do pequeno comercio como motor económico e social da nosa vila. É un bo día para lembrar que o comercio de proximidade xera emprego, paga impostos durante todo o ano, dinamiza as rúas e crea comunidade. Por iso, para celebrar esta data, desde ACISA organizamos, xunto con Kids&Us, un obradoiro infantil de Halloween, co obxectivo de ensinarlles aos máis pequenos a importancia de mercar no comercio local dun xeito lúdico e participativo. Esta iniciativa pretende concienciar á cidadanía sobre o papel esencial que desempeñan os establecementos locais na vida e na vitalidade de Ribadeo”.
Carmen Cruzado engadiu: “a actividade busca entreter e divertir os máis pequenos da casa coa tradición anglosaxona do famoso truco ou trato, con motivo da celebración do Samaín ou Halloween. A proposta, que se desenvolverá en inglés, está dirixida tanto ao alumnado da academia como a nenos e nenas que non estean matriculados nela, con idades comprendidas entre os 3 e os 9 anos, e terá lugar o sábado 31 de outubro pola mañá”.

A presidenta de ACISA continúa explicando que “desde Acisa Ribadeo gústanos poder crear este tipo de actividades, que divirten e entreteñen os máis pequenos da casa e que, ademais, permiten que os seus pais e nais poidan dedicarse un pouco de tempo a si mesmos, por exemplo, para facer unhas compras ou tomar algo con algo máis de
calma. Ao mesmo tempo, trátase dunha actividade que achega os nenos e as nenas ao comercio local. É moi importante concienciar desde a infancia aos futuros consumidores da importancia de apostar polos negocios locais. As vilas teñen vida e son o que son grazas ao seu tecido empresarial”.