Acisa Ribadeo estará presente en FITUR, a Feira Internacional de Turismo, que se celebrará en Madrid a vindeira semana

314

ACISA ESTARÁ PRESENTE A VINDEIRA SEMANA EN FITUR E ACOMPAÑARÁ AO CONCELLO NA PRESENTACIÓN DO RIBADEO INDIANO, O DÍA 24, NA CASA DE GALICIA EN MADRID.

Acisa Ribadeo estará presente en FITUR, a Feira Internacional de Turismo, que se celebrará en Madrid a vindeira semana. A patronal ribadense estará representada polo seu presidente e o seu xerente, Francisco Iriarte e Jesús Pérez.

O presidente da asociación, Francisco Iriarte, sinalou que “a nosa labor en Madrid é traballar na promoción de Ribadeo como destino turístico, comercial e gastronómico, explicando aos operadores turísticos e aos representantes das Embaixadas o enorme potencial que ten a nosa vila, toda a súa oferta turística e de servizos, para facer de Ribadeo un referente do turismo nacional e internacional. Os servizos da nosa asociación tamén son a promoción dos nosos asociados, e qué mellor foro que a feira de FITUR para facelo”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “debemos dar un paso máis na promoción que fai a nosa asociación tanto en Ribadeo como dos seus asociados, así como das actividades que se realizan na nosa vila. Da nosa experiencia nestes eventos temos unha moi boa valoración da resposta que recibimos ao traballo de promoción, polo que cremos que debemos facer o mesmo en FITUR. O contacto cos operadores turísticos, axencias de viaxes, delegacións turísticas de España e de todo o mundo é moi importante para darnos a coñecer, e por iso nos desprazaremos a FITUR con todo o material promocional co que contamos, mapas, rueiros, guías, etc., non soamente promocionaremos a nosa asociación e Ribadeo senón tamén aos nosos asociados e asociadas”.

Jesús Pérez engadiu que “en FITUR vimos de ser convidados pola Mancomunidade de Municipios da Mariña e pola Deputación de Lugo a dúas presentacións que haberá no stand de Galicia. Aproveitaremos esa ocasión para manter reunión cos representantes turísticos e políticos de ditas administracións, a nosa labor é dobre, obter recursos económicos das administracións para dar mellores servizos e darnos a coñecer como destino turístico”.

Acisa tamén acompañará ao Concello de Ribadeo na presentación internacional do Ribadeo Indiano, que terá lugar na Casa de Galicia de Madrid o dia 24, xoves, ás 20:00 horas. Nesta presentación intervirá o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, para facer unha pequena exposición sobre o impacto económico que este evento ten en Ribadeo e no tecido asociativo, así como o que representa para o comercio, a hostalería e os servizos.

Iriarte cre que “esta presentación internacional na Casa de Galicia de Madrid, na que exporemos ante Embaixadas e empresas turísticas o Ribadeo Indiano é moi importante para Ribadeo e para a nosa asociación. Ribadeo Indiano xera unha actividade económica moi importante desde o primeiro ano, pero si queremos que siga medrando, debemos facelo chegar a máis xente, e este é un gran paso para conseguilo”.