Neste ano que remata o colectivo empresarial organizou preto de 50 actividades,
colaborou en máis de 10 eventos doutras entidades e roza os 170 asociados e asociadas.
O obxectivo para o 2025 “é seguir medrando en número de socios”, segundo subliña a
presidenta, Carmen Cruzado.
A presidenta de Acisa indica que “queremos que máis empresas se sumen a Acisa
Ribadeo. A organización de actividades, a entrega de materiais gratuítos, o
asesoramento e a colaboración avalan o traballo que estamos a realizar, o proceso de
remodelación que vimos de facer e as novas axudas permitirannos ofrecer mais e
mellores servizos. Nesa liña, na programación de accións que redunden na dinamización
do noso tecido empresarial e de Ribadeo, imos seguir. Insistimos en que cantas máis
empresas sexamos en Acisa moito mellor para todo o empresariado ribadense, porque
poderemos facer máis forza diante das administracións para conseguir subvencións
destinadas á dinamización do comercio, da hostalería e dos servizos en Ribadeo. E todo
iso redundará na economía local. Os pobos teñen vida, grazas ás súas tendas, aos seus
bares e restaurantes, aos seus autónomos, as súas empresas… e Ribadeo segue sendo
un lugar elixido para emprender e para levar adiante proxectos de vida. E iso é moi
importante”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explica que “hoxe facemos balance do 2024 no que
organizamos 48 actividades, cifra récord e repartimos un gran numero de materiais,
preto de 60.000. Colaboramos con 13 entidades ou eventos deportivos, culturais ou
festivais como o Torneo de Veteranos, coa SD Ribadeo, coa Media Maratón, co Xara
Fest, co Vendaval Fest e coorganizamos, xunto ao Concello o Entroido, o Ribadeo
Indiano ou o Nada, actividades que atraen a miles de potenciais clientes ao longo do
ano”.
E conta que “pechamos o 2024 con preto de 170 socias e socios, mantendo un número
moi relevante tras a remodelación e modernización de Acisa e que estamos a ver como
medra nas ultimas semanas tras este proceso e mediante a nova campaña de captación
que está en marcha”.
Pérez Prada declara que “estamos moi satisfeitos co traballo realizado este ano,
puidemos asentar campañas importantes como o Rasca e Gaña, as xornadas de
exaltación gastronómica, o cursos de formación, e con melloras noutras citas como San
Valentín, as xornadas Asturias en Ribadeo… Tamén seguimos a colaborar co Concello de
Ribadeo nas Panchas, no Ribadeo Indiano, coa a Xunta no Bono Activa, coa Federación
de Comercio, nas súas campañas como os Días Azuis ou Merca Local … e no tocante aos
materiais puidemos repetir cos vasos de plástico, vasos térmicos, envases e bolsas de
comida para levar, bolsas de botellas de viño, bolsas para o comercio, mapas turísticos,
materiais de rebaixas e este ano incluímos tamén como novidade os vasos para o ocio
nocturno e as bolsas de comercio de tea”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinala que “Ribadeo segue sendo referente
comarcal tanto en Galicia coma en Asturias no comercio, na hostalaría e no turismo e
tamén a nivel nacional. Somos o mellor lugar para comprar, para saborear a exquisita
oferta gastronómica da nosa hostalería e somos o centro comercial coas mellores vistas.
Poucos lugares poden ofrecer tanto coma Ribadeo. Dende Acisa seguiremos a traballar
nos nosos obxectivos, que son facer medrar a Ribadeo e aos seus negocios, axudando a
manter eses mais de 600 postos de traballo que xeran os nosos asociados e asociadas e
tamén queremos que a nosa asociación siga en auxe para poder organizar moitas mais
actividades. Un dos principais obxectivos para o 2025 é seguir medrando en número de
negocios asociados, é algo no que levamos traballando desde que chegou esta directiva
a Acisa no verán de 2022”.
O xerente de Acisa manifesta que “se falamos de cifras este ano 2024 manexamos un
presuposto que no peche de contas roldará os 138.000 euros, aumentando así as
previsións iniciais e o presuposto do ano anterior e que estimamos que puideron xerar
varios millóns de euros en movemento económico ao longo de todo o ano. Mais de
51.000 euros foron para campañas propias de Acisa, mais de 21.000 destináronse a
materiais gratuítos para socios, repartíronse mais de 7.000 euros en vales de compras
así como dous grandes premios en forma de viaxes, valorados en preto de 5.000 euros,
e destinamos preto de 6.000 euros a colaboracións con outras entidades. Outro dato
record foi o dos ingresos por patrocinios privados que neste 2024 estiveron confiando e
apoiando a Acisa cunha cifra histórica que chegou aos 15.230 euros. Iso quere dicir que
somos un referente para eles e que o noso traballo, a nosa asociación e as actividades
que organizamos son un bo escaparate para estas firmas”.
Cruzado Iglesias ten palabras de agradecemento para a iniciativa privada: “agradecemos
a grande axuda das empresas privadas que estiveron con nós na Festa do Comercio do
2024 e van estar no 2025, estiveron na Gala de Acisa e volverán estar, contamos con
empresas para o Ribadeo Indiano e contaremos de novo coa súa presenza o vindeiro
ano. E grazas tamén ás firmas asociadas que estiveron ao noso carón noutras campañas,
doando premios, algo que tamén é de agradecer e de destacar neste peche do ano.
Tamén aproveitamos a ocasión para lembrar a colaboración da OPP de Burela, de
Celtagal e de Asoporcel, xa que grazas á súa xenerosidade puidemos organizar diversas
xornadas gastronómicas ao longo de 2024, que foron un reclamo para Ribadeo e para a
súa hostalería”.
Pérez Prada subliña que “xeramos unhas 1.000 publicacións en prensa, o noso perfil de
Facebook segue medrando con mais de 6.000 seguidores e varios centos de miles de
visualizacións ao ano e a nosa web conta con mais de 50.000 visitas anuais, servindo
estas plataformas como medios de publicidade e promoción dos nosos asociados e
asociadas”
Dende Acisa, presidenta, xunta directiva e xerente, agradecen a os seus socios e socias a
súa confianza, no traballo que realizan. E engaden: “queremos tamén dar grazas ás
administracións local, provincial e autonómica por seguir colaborando con nos ao longo
do ano, atendendo as nosas necesidades e peticións. Falamos do Concello de Ribadeo,
da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. Aproveitamos a ocasión para desexarlle á
veciñanza de Ribadeo e aos visitantes un feliz e próspero 2025 e animámolos a seguir
apostando por esta vila, polo seu comercio, pola súa hostalería, polos seus servizos e
por Ribadeo como destino turístico”.