ACISA Ribadeo fai un balance positivo do ano 2019

59
A.C.I.S.A. Ribadeo

ACISA RIBADEO FAI UN BALANCE POSITIVO DO 2019

NESTE ANO QUE REMATA A ASOCIACIÓN ORGANIZOU MÁIS DE 30 ACTIVIDADES, COLABOROU EN MÁIS DE 10 EVENTOS DOUTRAS ENTIDADES, INXECTOU NA ECONOMÍA ASOCIADA ARREDOR DE 16.000 EUROS EN VALES DE COMPRA E INVESTIU 15.000 EUROS EN MATERIAL PARA OS SEUS SOCIOS E SOCIAS.

ACISA Ribadeo fai un balance positivo do ano 2019, no que organizou mais de 30 actividades, colaborou en mais de 10 eventos doutras entidades, inxectou na economía asociada arredor de 16.000 euros en vales de compra e investiu mais de 15.000 euros en diferentes materiais para os seus asociados e asociadas.

Segundo explica o xerente de ACISA, Jesús Pérez, “neste ano organizamos mais de 30 actividades de dinamización comercial e hostaleira, tres delas, As Panchas, O Ribadeo Indiano, e RibaXogo, en colaboración co Concello de Ribadeo; colaboramos con mais de 10 actividades de tipo deportivo, cultural… como o Torneo de Veteranos, coa SD Ribadeo, coa Semana Santa…, actividades que atraen potenciais clientes. Foi o ano no que mais diñeiro inxectamos na economía local da vila con mais de 16.000 euros para que os veciños e veciñas os gastaran en Ribadeo. Ademais mantemos a cifra de asociados en 160, grazas á nosa capacidade de seguir atraendo negocios a asociación”.

O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, subliña que “foi un ano moi intenso, temos que destacar as actividades en colaboración co Concello, grazas a elas puidemos dar 10.000 euros aos clientes na campaña das Panchas, encheuse Ribadeo o domingo de Indianos con mais de 12.000 persoas na vila, e este Nadal centos de pícaros desfrutan de RibaXogo. Sen esquecer as actividades propias, fora das habituais campañas coma a exitosa Festa do Comercio, os día do pai e da nai, o de san Valentín, o Domingueo en Ribadeo, as xornadas gastronómicas, o Mercado de Rrúa, ou ACISA Quérete. Neste 2019 tivemos novidades como foi a campaña do Mes do Aforro ou o Mes do Tapeo, e por suposto o material gratuíto para socios”.

Iriarte dixo que “seguimos apostando pola entrega de materiais gratuítos aos nosos socios e socias como un dos grandes beneficios de ser membro de ACISA, deste xeito repartimos materiais para as rebaixas, rueiros, bolsas, vasos de indianos, material decorativo para o Ribadeo Indiano, pegatinas, servilletas, papel de regalo…. pouco a pouco aumentamos os presupostos para que durante todo o ano os socios teñan á súa disposición materiais que lles axudan a aforrar custes nas súas empresas”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos indicou que “o 2019 foi un ano de novidades. Comezamos coa maior Festa do Comercio sorteando 5.000 euros en premios. Xunto co Concello fomos presentar o Ribadeo Indiano a Fitur, puxemos en marcha a campaña das Panchas e puidemos levar a dúas persoas a Cuba sorteando unha viaxe tras o concerto de Compay Segundo no Ribadeo Indiano, iniciativa para a que se repartiron 200.000 papeletas. A campaña do Mes do Aforro, que xurdiu coa colaboración de Grupo Valcarce, e na que se repartiron 10.000 tarxetas desconto, tivo unha estupenda acollida. E a do Mes do Tapeo foi un éxito, superando o numero de participantes previsto tendo en conta que era a primeira vez que dende ACISA organizabamos unha actividade así. Outra mostra de todo o traballo que facemos desta a asociación son as mais de 800 novas publicadas nos diferentes medios de comunicación ou as mais de 1,2 millóns de visualizacións do noso facebook”.

Francisco Iriarte engadiu que “neste ano mantivemos o numero de asociados, algo que poucas asociacións poden dicir. Tivemos baixas, é certo, aínda que o que mais nos doe é que moitas foron baixas por peche de establecementos, das 12 baixas do 2019, 7 foron por peches e algunhas das outras por cambio de dono ou recortes nos gastos de “franquiciados”. O numero de altas foron 13. A nivel económico estimamos que o noso traballo ten un impacto na economía local que puido chegar neste doce meses entorno aos 12 millóns de euros. Isto sen dubida é unha clara mostra do necesaria que é a nosa labor”.

Dende ACISA animan a que os Reis Magos merquen en Ribadeo e lembran que neste Nadal se van sortear outros 4.000 euros na IX Festa do Comercio, que se celebrará o próximo 11 de xaneiro ás 20:30 horas na carpa instalada no parque de San Francisco.

Presidente e xerente insisten en que “Ribadeo segue sendo referente comarcal tanto en Galicia coma en Asturias no comercio, na hostalaría e no turismo. Somos o mellor lugar onde se pode comprar, á vez que podes desfrutar da mellor gastronomía e tendo as mellores vistas. Poucos lugares poden ofrecer tanto coma nos. Dende ACISA seguiremos a traballar nos nosos obxectivos, que son facer crecer a Ribadeo e aos seus negocios, axudando a manter eses mais de 600 postos de traballo que xeran os nosos asociados e asociadas”.
Dende ACISA desexámoslles a todos os veciños e visitantes un feliz e prospero ano 2020.