ACISA Ribadeo lanza unha nova campaña de captación de socios, que se prolongará ao longo das vindeiras semanas. O colectivo empresarial sumou 12 nov@s asociad@s nos últimos meses.

38

Acisa Ribadeo lanza unha nova campaña de captación de
socios, que se prolongará ao longo das vindeiras semanas. O colectivo empresarial
sumou 12 novos asociad@s nos últimos meses e conta con máis de 150 negocios
adheridos.

Nos últimos meses decidiron darse de alta e formar parte da Asociación de
Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo negocios como Vitaldent,
Rotugraf, Eomática, Emerxe Solucións Enerxéticas, Lema, Ágora, La Galletería, Antiques
Real Estate, Bimba 13 e Telepizza, e autónomos como Susana Álvarez ou Beni Mántaras.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo: “gustaríame en nome da nosa
directiva darlles a todas e todos publicamente a benvida á nosa asociación e aproveito
tamén para animar aos negocios de Ribadeo: comerciantes, hostaleiros, industriais,
servizos e autónomos, hoteis, etc, a que nos chamen para que os visitemos ou para que
se acheguen ás nosas instalacións e lles expliquemos cara a cara todas as vantaxes que
supón formar parte de Acisa. Aquí traballamos para dinamizar e potenciar a actividade
económica de Ribadeo e para que iso repercuta no tecido empresarial”.

O xerente, Jesús Pérez, insistiu en que “en Acisa atoparán todo tipo de asesoramento
sobre subvencións, axudas, programas específicos ou cambios normativos. Os asociados
e asociadas contan con materiais gratuítos para os seus negocios como poden ser bolsas
para o comercio e para a hostalería, envases de comida para levar, vasos térmicos,
cartelería oficial, etc… así como todo o material das múltiples e variadas campañas que
organizamos ao longo de todo o ano. Ademais temos asinados varios convenios de
colaboración beneficiosos para todos os nosos asociados, que tamén lles axudarán a
aforrar custes”.

Ao longo das vindeiras semanas representantes de Acisa achegaranse polos negocios de
Ribadeo para informalos sobre as vantaxes que supón que entren a formar parte da
asociación, que conta con 34 anos de vida. Pérez Prada sinalou que “calquera empresa

interesada en obter máis información pode dirixirse á nosa oficina de luns a xoves de
9:30 a 14:30 e de 15:30 a 17:30 horas e os venres de 9:30 a 14:30 horas ou chamando
por teléfono ao 663 39 62 26”.

Cruzado Iglesias engadiu: “estamos agora mesmo traballando nas campañas que se
desenvolverán ao longo dos vindeiros meses, como as do día do pai e da nai, pero
haberá novidades de aquí ao verán co reparto de moitos premios entre a clientela dos
negocios locais. Tamén contaremos con novidades para os hoteis coas vistas postas na
Semana Santa, tempada para a que tamén faremos promoción turística de Ribadeo.
Cantos máis visitantes recibamos ao longo do ano mellores repercusións terán eses
movementos na economía local. De aí que cada vez nos centremos máis na preparación
de campañas que vaian desde setembro ata a primavera”.

O xerente engadiu que “buscamos novas formas de promoción para as nosas socias e
socios, dándolles a oportunidade de ofertar convenios para o noso colectivo, e
realizaremos campañas atractivas con novos formatos e con múltiples premios para
seguir a fidelizar á clientela”.

Descontos no combustible
Desde a directiva de Acisa lembran que “ata o 31 de marzo segue a campaña que
puxemos en marcha a finais de xaneiro con Gasóleos Abelleira, que supón un desconto
de 0,10 euros/litro de combustible. Distribuíronse 50.000 tarxetas entre os negocios
asociados a Acisa para que estes as repartan entre a súa clientela por gastos ou
consumicións superiores aos 5 euros. Esta campaña será de aplicación unicamente na
estación de servizo que se atopa situada no polígono industrial. Este desconto non é
compatible con outras promocións de Gasóleos Abelleira”.

E engaden desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de
Ribadeo: “esta é a terceira edición desta campaña con Gasóleos Abelleira, ao que lle
agradecemos a súa disposición. É unha iniciativa que funciona e que ten moi boa
acollida”.