ACISA Ribadeo presenta o seu servizo de bolsa de emprego para os seus asociados e asociadas de cara á tempada de verán

76

Acisa Ribadeo presenta a súa bolsa de emprego. Trátase
dun servizo que ofrece ás súas asociadas e asociados de cara á tempada de verán.

A presidenta de Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos,
Carmen Cruzado, explicou que “dende Acisa Ribadeo somos plenamente conscientes de
que cada vez é mais complicado encontrar persoal cualificado para dar cobertura ás
múltiples demandas de emprego tanto de hostalaría, de comercio como de servizos. As
causas poden ser moitas, pero o que sabemos obxectivamente é que os nosos negocios
necesitan persoal de cara o verán e moitos deles están xa na busca activa de
camareiros, axudantes de cociña, dependentas, gobernantas, recepcionistas ou
limpadoras, entre outras e outros”.

Cruzado Iglesias dixo: “por sorte a tempada turística cada vez comeza antes e urxe ir
cubrindo estas vacantes para que poidamos ofrecer dende os nosos negocios o mellor
servizo posible. Esta bolsa de emprego cremos que pode ser un servizo moi importante
e útil para as asociadas e asociados de Acisa Ribadeo, tanto para as nosas empresas
como para as persoas que se atopan na busca activa de emprego”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “deste xeito Acisa pon a disposición o seu
programa de emprego, cunha canle bidireccional. En primeiro lugar, recordámoslles aos
nosos socios e socias que poden enviarnos as ofertas de emprego si necesitan cubrir
algún posto con necesidades específicas e nos publicámolas nas nosas redes sociais e
enviámoslles os currículos que teñamos na nosa base de datos. E en segundo lugar, a
novidade deste ano é que toda aquela persoa que estea buscando traballo ou queira
traballar de cara o verán en calquera posto de traballo relacionado coas empresas
asociadas a Acisa Ribadeo pode enviarnos o seu currículo ao seguinte correo electrónico
info@acisaribadeo.es indicando qué empregos son do seu interese e nos terémolos na
nosa base de datos e así cando chegue unha oferta laboral, poderemos enviar todos os
currículos susceptibles de cubrir ese posto de traballo ás empresas asociadas a Acisa
Ribadeo”.

Novos locais asociados
Nas últimas semanas decidiron darse de alta e formar parte da Asociación de
Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo negocios como A
Menchina, Serendipia, Farmacia Montse Iglesias, Talleres Cardi, Asesoría Administrativa
Ribadeo, Floristería Maribel e Cuatro Vientos.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou: “queremos darlles a benvida a todos
estes negocios. Desde que esta directiva chegou a Acisa, a mediados do pasado mes de
xullo, levamos tramitadas 19 altas, unha cifra que consideramos moi importante e que
agardamos seguir incrementando ao longo das vindeiras semanas. A nosa campaña de
captación de socias e socios segue en marcha”.

Pérez Prada, o xerente, manifestou: “é certo que tamén se produciron algunhas baixas,
pero o movemento que rexistra Ribadeo de aperturas de novos negocios ou de cambios
de xerencia segue a indicar o atractivo e a puxanza que ten a nosa vila, que segue a ser
elixida por moitos emprendedores e emprendedoras para dar este importante paso.
Grazas a elo Ribadeo segue a ser o referente comarcal comercial e hostaleiro así como
destino semanal de moitos veciños e veciñas de toda a contorna para mercar, comer,
cenar ou tomar algo. Ribadeo é ano tras ano visita obrigada para milleiros de turistas,
de preto e de lonxe”.

E engadiu: “en Acisa seguimos sendo un referente tamén no noso sector, cos servizos
que prestamos, coas campañas que organizamos e co dinamismo económico que
xeramos ao longo de todo o ano”.