![acisa repartira 2000 vasos hostaleria nadal acsia repartira 2000 vasos hostaleria nadal](https://www.acisaribadeo.es/wp-content/uploads/WhatsApp-Image-2024-12-04-at-14.38.06-1068x801.jpeg)
Acisa Ribadeo repartirá 2.000 vasos entre os
establecementos de ocio nocturno asociados para estas datas de Nadal, nas que estes
locais poderán abrir dúas horas máis.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa está a poñer todos os seus
esforzos na campaña de Nadal, unha cita na que nos implicamos de xeito especial, xa
que se trata dunhas datas de gran afluencia en Ribadeo, que cada ano se fai máis
importante para o comercio e a hostalería ribadense, e que xera unha actividade
económica inigualable. Todos os negocios están xa preparados para o comezo do Nadal,
que se podería dicir que foi inaugurado a fin de semana pasada e que comezará de xeito
efectivo dende esta ponte festiva. A hostalería está disposta para atender da mellor
forma posible aos milleiros de persoas se achegarán á nosa vila. Por iso cada ano, desde
Acisa Ribadeo, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe
damos a coñecer: a entrega de 2.000 vasos para o ocio nocturno asociado”.
O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, explicou, que “por por primeira vez
imos repartir de xeito gratuíto 2.000 vasos de plástico irrompible ríxido de 500 cc,
reutilizables, lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da
asociación cos nosos socios e socias do sector da hostalería do ocio nocturno, xa que
queremos que os poidan usar nos seus establecementos nestas datas de Nadal. Somos
conscientes ademais de que nesta época estes establecementos de ocio nocturno
sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición
un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e
para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos amosar o noso
compromiso co coidado do medio ambiente”.
Cruzado Iglesias dixo que “estes vasos, que poñemos a disposición do ocio nocturno,
como unha liña mais de traballo específico para un sector dentro da hostalaría, están
pensados para quedar nos establecementos para o seu uso habitual, xa que son lavables
e reutilizables, cun deseño precioso. Os vasos deberanse recoller nas oficinas de Acisa
entre hoxe mércores e maña xoves, no noso horario de oficina, para que os teñan
dispoñibles para esta ponte festiva. Insistimos en que están destinados para o ocio
nocturno asociado”.
Na presentación dos vasos, que tivo lugar no photocall de Acisa na rúa Rodríguez
Murias, participaron a presidenta e o xerente do colectivo empresarial ribadense xunto
á concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.
Ampliacións horarias
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, aludiu ás
ampliacións horarias das que gozará a hostalería este Nadal: “parécenos moi
interesante poder ofrecerlle este servizo aos nosos asociados e asociadas, deste xeito
dáselles a oportunidade de poder traballar mais horas durante estas datas de gran
afluencia turística onde as ceas de amigos e de familia, son moitas e as ganas de
festexar e celebrar son aínda mais. Así tamén a veciñanza poderá gozar de mais horas
de lecer na nosa hostalería. Queremos animar ás veciñas e veciños de Ribadeo e da nosa
contorna e aos turistas que nos visitan a desfrutar do Nadal na hostalería ribadense, que
ten moito que ofrecer, tamén polas noites, onde atopamos locais cun ambiente
impecable, con persoal cualificado e trato amable, e por iso animamos a todas e todos a
gozar do Nadal en Ribadeo, nos seus locais e nas súas terrazas”.
Cruzado Iglesias dixo que “con estas ampliacións horarias os locais hostaleiros gozarán
dunha de 2 horas mais sobre o seu horario habitual de licenza. As ampliacións son as
seguintes: os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30
horas, as discotecas e salas de festas poden pasar das 06:00 ás 08:00 e os pubs das
04:00 ás 06:00 da madrugada”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “os establecementos de hostalería
asociados a Acisa Ribadeo, contarán con dúas horas mais sobre a licenza habitual de
peche todas as madrugadas dende o 22 de decembro de 2024 ao 6 de xaneiro de 2025
con motivo das festas de Nadal. Ademais súmanse as maduradas do 27 de febreiro ao 5
de marzo con motivo do Entroido, as madrugadas do 13 de abril ao 20 de abril con
motivo da Semana Santa, as madrugadas do 11 ao 13 de xullo, con motivo do Ribadeo
Indiano, as madrugadas do 15 ao 17 de agosto con motivo da festividade de San Roque,
e as madrugadas do 1 ao 8 de setembro con motivo das festas patronais. Estas ampliacións
horarias favorecerán ao sector asociado para poder exprimir ao máximo estes días de gran
actividade económica”.
Pérez Prada engadiu: “no dia de hoxe comunicámoslles estas ampliacións das que
poderán gozar todos os nosos asociados e asociadas”.