ACISA Ribadeo repartirá 6.000 euros en premios na XIII Festa do Comercio. O sorteo, que terá lugar o 13 de xaneiro, será presencial na carpa situada no aparcamento da Avenida Rosalía de Castro.

68

Acisa ven de presentar a XIII Festa do Comercio. A
campaña desenvolverase do 1 de decembro de 2023 ao 13 de xaneiro de 2024. Nesta
edición repartiranse 6.000 euros en premios.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “hoxe presentamos a campaña da XIII
Festa do Comercio, que se desenvolverá desde este venres, 1 de decembro, ao 13 de
xaneiro. Ese día será o sorteo presencial na carpa situada este ano na Avenida Rosalía
de Castro no que repartiremos 6.000 euros en premios, a cifra máis alta que destina a
asociación á nosa campaña anual máis importante. Todas aquelas persoas que fagan as
súas compras no comercio asociado a Acisa Ribadeo recibirán as papeletas para
participar no sorteo. En total póñense en circulación 170.000 rifas, que son 20.000 máis
que na pasada edición”.

O xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou que “neste 2023 facemos un esforzo
especial, grazas á xestión realizada durante todo o ano por Acisa. Así puidemos destinar
mais recursos aos premios desta campaña, que pasan dos habituais 4.000 a 6.000 euros
en premios. Co fin de impulsar as compras durante o mes de decembro e tamén
durante os primeiros días das rebaixas de xaneiro as rifas estarán a disposición dos
clientes de todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo”.

E subliñou que “os premios serán repartidos da seguinte maneira: un de 2.500 euros, un
de 1.500 euros, un de 1.000 euros, un de 500 euros e dous de 250 euros. Un destes
últimos premios (de 250 euros) será non presencial, é dicir, sortearase entre o total de
rifas impresas. O resto de premios sortearanse entre os números que o dia 13 de
xaneiro estean depositados na urna que estará situada na mesma carpa. Polo tanto é
moi importante destacar que a rifa debe conservarse ata o 13 de xaneiro e que ese dia
pola tarde deberase introducir na urna unha das dúas partes nas que se divide, e seguir
conservando a outra ata a mesma hora do sorteo. Deste xeito, unha parte estará na
urna para poder ser extraída e premiada e a outra quedará con nós para comprobar se
temos o número. Como sempre insistimos esas rifas deberán ir debidamente seladas
por cada establecemento para ser entregadas aos clientes”.

Carmen Cruzado subliñou que “esta campaña facémola co fin de dicirlles aos
ribadenses, á veciñanza da comarca e de lugares próximos, que Ribadeo é o mellor lugar
para facer as compras, tomar un viño, encargar as comidas e as ceas de Nadal e
desfrutar dunhas festas diferentes, e así ademais poder gañar un destes premios tan
importantes. Ademais sendo o primeiro evento do 2024 parecíanos interesante darlle
un toque extra nun ano especial como é este no que celebraremos o 35 aniversario da
asociación. Esta campaña ademais verase reforzada con outras iniciativas que se darán a
coñecer no vindeiros días”.

A presidenta de Acisa tivo palabras de agradecemento para BeOne e para o Concello de
Ribadeo: “especialmente pola colaboración do patrocinador principal desta campaña, o
noso asociado BeOne, que fai unha achega económica que para nos é moi importante, e
como non, tamén agradecer a colaboración do Concello de Ribadeo, que nos facilitará a
ubicación e os medios para a realización do sorteo. Destacar tamén que esta e unha
actividade que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia”.

A directiva de Acisa agarda que “esta campaña de Nadal sexa moi animada para o
comercio e para a hostalería ribadense”.

No acto de presentación da XIII Festa do Comercio de Acisa Ribadeo participaron o CEO
de BeOne, Roberto Ramos, o alcalde ribadense, Daniel Vega, a concelleira de Comercio,
Marta Saiz, xunto á presidenta e o xerente da asociación, Carmen Cruzado e Jesús
Pérez.